Mercedes Corbillón é unha das fundadoras da libraría Cronopios, con sedes en Pontevedra e Compostela. Dende ese espazo foi construíndo unha vida arredor da literatura, e hoxe é una voz respectada e frecuente en medios de comunicación e acontecementos literarios. Escribe semanalmente nos xornais La Voz de Galicia, El Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo, ademais de facer colaboracións esporádicas en revistas como Tempos Novos e Luzes. A súa afección desmedida pola lectura levouna a ser xurado en numerosos premios de novela, como o Alfaguara, o Torrente Ballester e o Blanco Amor, entre outros, e é colaboradora fixa no programa radiofónico Un alto en el camino, conducido por Susana Pedreira, onde fala de libros e viaxes, as súas dúas paixóns.
Publicou un caderno de viaxes sobre A Toxa dentro da colección Illas Atlánticas, de El Patito Editorial, e participou en diversos libros de relatos. A beleza debe morrer é a súa primeira novela, e nela atopamos un canto nostálxico ao amor e aos espazos que constrúen as nosas biografías emocionais.
Coñecémola mellor neste Cuestionario Proust:
- O principal trazo do teu carácter? O optimismo.
- Que calidade aprecias máis nun home? O sentido do humor.
- E nunha muller? O sentido do humor.
- Que agardas das túas amizades? Confianza, xenerosidade, risa, a risa que non falte.
- O teu principal defecto? A indolencia.
- A túa ocupación favorita? Ler.
- O teu ideal de felicidade? Pouca cousa, unha casa, pouca facenda, non sufrir, memoria ningunha, a miña felicidade é como un poema de Gil de Biedma, hahaha, pero si ler, si escribir, si rir, non poden faltar as amigas. A vida sen amigas non merece a pena.
- Cal sería a túa maior desgraza? Que algo terrible lles pasara aos meus tesouriños, miñas fillas.
- Que che gustaría ser? O que son, unha muller capaz de amar e de perder o tempo.
- En que país desexarías vivir? Está ben vivir en Galicia e soñar con Venecia.
- A túa cor favorita? Para vestir o negro, para vivir o azul.
- A flor que máis che gusta? A do magnolio.
- Que paxaro prefires? A andoriña.
- Os teus autores/as favoritos en prosa? Vila Matas, Jeanette Winterson, Cristina Peri Rossi, tantos outros, é difícil elixir.
- E poetas? Louise Gluck, Szymborska, Pizarnick, Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Ismael Ramos, Lupe Gómez, Olga Novo, segue a ser difícil elixir.
- Un heroe de ficción? Federico Mayol, o antiheroe e personaxe de El viaje vertical, de Vila Matas.
- Unha heroína? Mary Shelley en todas os libros que narran o verán escuro en Villa Diodati.
- O teu músico ou música favorito/a? Non teño cultura musical. Nas noites malas gústame escoitar a Rocío Jurado e cantar a gritos “Punto de partida”.
- O teu pintor ou pintora preferido/a? Gústanme os retratistas. Ás veces gustaríame ter posado para Lucian Freud, outras preferiría verme unha dama e pintada por Madrazo, en ocasións o mundo todo é unha tormenta de Turner e diante dalguén tiven soñado ser a Venus de Botticelli. Que sei eu. Seguramente a miña pintora favorita é unha que a historia borrou.
- O teu heroe ou heroína na vida real? Non son mitómana.
- O teu nome favorito? Todos os nomes son importantes.
- Que hábito alleo non soportas? A tacañería.
- Que é o que máis detestas? A hipocrisía e os pasteis de coco.
- Unha figura histórica que che poña mal corpo? Tantas!
- Un feito histórico que admires? O suicidio de Marco Antonio e Cleopatra.
- Que virtude desexarías posuír? Gustaríame ser ordenada e ter ambición.
- Como che gustaría morrer? Sen dor e sabéndoo, con alguén que me ame dándome a man.
- Cal é o estado máis común do teu ánimo? Tranquilidade.
- Que defectos che inspiran maior indulxencia? Son indulxente con case todo, sobre todo comigo.
- Tes unha máxima ou lema de vida? Seguir o rastro da beleza.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
