Alberto Mancebo Soto (Vimianzo, 1983). Con quince anos comezou a colaborar na Cadena Ser da súa vila. Licenciado en Xornalismo, completou a súa formación profesional en Liverpool, a súa segunda casa e á que sempre volve. Dende o ano 2004 traballa para a Televisión de Galicia, onde se encargou de diferentes coberturas xornalísticas por toda Europa e no Canadá, Brasil ou Panamá. Durante cinco anos foi correspondente en Portugal. Actualmente presenta o Telexornal Fin de Semana. O que me quedaba por dicirche é a súa primeira novela, e nela atopamos unha historia tecida con axilidade e sutileza, que narra unha historia familiar, íntima e sentimental baseada nas intensas emocións dun estraño protagonista co que calquera persoa se podería identificar.
Coñecémolo mellor neste Cuestionario Proust:
1. O principal trazo do teu carácter? Algo achegado ao hedonismo. Se morro mañá que digan que o espremín todo.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A empatía. Acollendo iso abrangues ducias de cualidades.
3. E nunha muller? As mesmas.
4. Que agardas das túas amizades? Que busquen o mellor para eles e que non se compliquen (se iso está na súa man).
5. O teu principal defecto? Anoxarme a destempo -cando xa non teño a razón-.
6. A túa ocupación favorita? Sentar a contar e que me conten.
7. O teu ideal de felicidade? Unha viaxe a un lugar caloroso coa miña parella sabendo que o que queda na casa queda ben.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Ter un traballo que detesto.
9. Que che gustaría ser? Unha persoa que adorase comer san.
10. En que país desexarías vivir? En todos. Vivir durante seis meses en cada un.
11. A túa cor favorita? Azul petróleo escuro.
12. A flor que máis che gusta? A cala porque me recorda ás excursións cos meus pais a Soesto.
13. Que paxaro prefires? Todos os que teñen cores e bailan para aparearse.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Cambian cada pouco, pero esta temporada: Murakami, Jon Bilbao, Milena Busquets e Kenzaburo Oe e Camila Sosa.
15. E poetas? Jesús Castro Yáñez e Florence Welch.
16. Un heroe de ficción? Kal-El, sempre.
17. Unha heroína? Lisbeth Salander, aínda que non teña claro que entre no arquetipo.
18. O teu músico ou música favorito/a? Os catro compositores da música de Garbage.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Ninguén superará nunca a Velázquez, pero o meu cadro favorito é de Jacques-Louis David.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Os deportistas de alto de rendemento que entregan a súa vida por un reto persoal.
21. O teu nome favorito? Álvaro.
22. Que hábito alleo non soportas? A verborrea. Prefiro que me mintan a que me droguen a base de palabras.
23. Que é o que máis detestas?As inxustizas. É un tópico, pero é que engloba todo o que me fai ferver o sangue.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo?Todos os que tiveron algo que ver co golpe de Estado do 36.
25. Un feito histórico que admires? As primeiras manifestacións a prol dos dereitos Lgtbi.
26. Que virtude desexarías posuír? O poder absoluto de relativilizalo todo.
27. Como che gustaría morrer? Satisfeito.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Algo que bascula entre a sensación de que algo non vai ben e outra de que todo vai estupendamente.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Todos son humanos e, por tanto, mesmo teñen algo de fermoso. Así que, todos.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Que todos temos o dereito a cambiar de opinión.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
