Rebeca Baceiredo (Ourense, 1979) é licenciada en Ciencias da Comunicación pola USC e doutora en Filosofía con premio extraordinario coa tese «Achegas ontoéticas para a liberación do suxeito. Unha aproximación a partir da filosofía de Gilles Deleuze». Ten un mestrado en Arte Contemporánea e un posgrao en Teoría e Práctica da Interpretación. En 2006 gañou o premio de ensaio Ramón Piñeiro co libro O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo (2006). Dende entón publicou máis ensaios, nos que mestura sempre a filosofía coa análise sobre o mundo contemporáneo, o que a converte nunha das grandes pensadoras e analistas galegas do presente.
Coñecémola mellor neste Cuestionario Proust:
- O principal trazo do teu carácter? Son frontal, para sentirme ben necesito dicir o que penso, o que me parece mal. Aínda que non se vexa así, penso que é o punto de partida para unha ética dialóxica. É certo que o fago sen ambaxes. E espero -ou prefiro- o mesmo.
- Que calidade aprecias máis nun home? A honestidade.
- E nunha muller? A mesma.
- Que agardas das túas amizades? Lealdade.
- O teu principal defecto? Esixente. Aparentemente impulsiva (en realidade non é tanto así).
- A túa ocupación favorita? Escribir e estudar.
- O teu ideal de felicidade? Pasar o maior tempo posible da vida facendo o que me senta ben, o que mantén os meus niveis de enerxía óptimos. Nun entorno igual: nunha sociedade feliz, equilibrada, respectuosa, consciente, comprometida, xenerosa, educada.
- Cal sería a túa maior desgraza? A nivel persoal, a perda de seres queridos. Noutro, que podendo vivir nun paraíso insistamos en facelo nun inferno.
- Que che gustaría ser? Libre, sabia.
- En que país desexarías vivir? Aquí.
- A túa cor favorita? Azul Klein. Vermello. Violeta e verde tamén. Pero depende para que.
- A flor que máis che gusta? Lirio. Orquídea. Violetas.
- Que paxaro prefires? Ibis.
- Os teus autores/as favoritos en prosa? Borges, Lispector, Cortázar, Lucía Berlín, Marguerite Duras. Zambrano, Agamben, Bataille.
- E poetas? Valente, Anne Carson.
- Un heroe de ficción? A resistencia de V.
- Unha heroína? A mesma resposta.
- O teu músico ou música favorito/a? Damon Albarn.
- O teu pintor ou pintora preferido/a? Rothko.
- O teu heroe ou heroína na vida real? Angela Davis.
- O teu nome favorito? Alicia, Deva, Rebeca. Rivqa.
- Que hábito alleo non soportas? A mentira, a impertinencia, a dobrez, a mesquindade.
- Que é o que máis detestas? A mala educación e a soberbia, a ignorancia (no sentido socrático).
- Unha figura histórica que che poña mal corpo? Calquera dos fascismos ou dos totalitarismos, non só contemporáneos.
- Un feito histórico que admires? A loita obreira, as loitas campesiñas, as revoltas de escravos. Calquera proceso de emancipación social, onto-política.
- Que virtude desexarías posuír? Sabedoría, que vai con prudencia, pero coa valentía, coa temperanza, co coñecemento e coa autodeterminación.
- Como che gustaría morrer? Dixéronme que ía morrer rodeada de libros. Sería unha boa morte, se é de vella e tranquila, practicando a contemplación.
- Cal é o estado máis común do teu ánimo? Se estou rodeada de persoas que me baixan a potencia, de mal humor. Se estou rodeada de seres que me soben a potencia, de bo humor, con humor. Cortisol ou oxitocina que dependen da circunstancia: non son moi sabia, logo. Se estou soa, en xeral, tranquila; se estou con outras especies, inocente.
- Que defectos che inspiran maior indulxencia? Creo que son bastante indulxente, menos co nomeado arriba.
- Tes unha máxima ou lema de vida? Non teño lemas. Quizais tendencias: intentar devir reactiva o menos posible e desenvolverme ontoloxicamente.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
