Cris Pavón (A Coruña, 1962) foi profesora de Informática en Formación Profesional. Autora das novelas Limiar de conciencia (2012), Sangue 12 (2014) e Eva e Lucy (2023) e do libro de relatos Á busca da orixe perdida das especies (2015, premio Ricardo Carvalho Calero de Creación Literaria 2014), tamén colaborou nos libros colectivos de relatos Longas sombras na pedra (2019) e Obras breves de imaxinación (2011).
Recibiu, entre outros, o Premio de Relato Curto Liceo de Noia (2008), o Premio de Relato da Asociación Mulleres Progresistas de Vigo (2009) e o Premio no Certame Nacional de Narracións Breves Modesto Figueiredo 2013.
Coñecémola mellor neste Cuestionario Proust:
1. O principal trazo do teu carácter? Optimismo e, xa que logo, certa tendencia ao imaxinario.
2. Que calidade aprecias máis nun home? En calquera persoa, sentido do humor e da ética.
3. E nunha muller? Pois iso.
4. Que agardas das túas amizades? Agardar? Puntualidade.
5. O teu principal defecto? Ningún principal, todos secundarios.
6. A túa ocupación favorita? Pasmar.
7. O teu ideal de felicidade? Viaxar no tempo.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Unha que, felizmente, non vou imaxinar.
9. Que che gustaría ser? Telépata.
10. En que país desexarías vivir? En Galicia a poder ser.
11. A túa cor favorita? O arco da vella, e do ultravioleta en adiante.
12. A flor que máis che gusta? A magnolia, moito pola árbore.
13. Que paxaro prefires? O ave Roc.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Perec, Jelinek, Capek, algún guionista de Star Trek…
15. E poetas? Tantas galegas impresionantes! E. Pedreira, L. Gómez, O. Novo, M. Cebreiro, Y. Castaño… e tantas máis! O da poesía galega é a hostia!
16. Un heroe de ficción? Brian, can dos Griffin. Ou Stewie, segundo teña o día.
17. Unha heroína? Audrie, a planta de ‘A tenda dos horrores’.
18. O teu músico ou música favorito/a? Moitas. Ultimamente escoito Rosalía, Fillas de Casandra, os barrocos franceses Lully, Couperin…
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Ernesto Junco.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Os mixomicetos.
21. O teu nome favorito? O pronome.
22. Que hábito alleo non soportas? A roupa talar.
23. Que é o que máis detestas? O abuso, a falta de empatía. A mesquindade.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Os fascismos.
25. Un feito histórico que admires? A conquista do voto feminino.
26. Que virtude desexarías posuír? Facer a fotosíntese, dende logo.
27. Como che gustaría morrer? Sentada á beira do mar non estaría mal.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Allegro ma non troppo.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Os das inxenuas, claro.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? “As nosas humidades cumprido fin terán”.
FOTO AUTORA: @pim.gram
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
