Gabriel Álvarez Martínez traduciu ao galego a Murakami e a tantos outros autores xaponeses. É licenciado en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Estudou un ano como Erasmus no Institut Supérieur de Traducteurs et Interprètes de Bruxelas. Na súa faceta de tradutor literario, traballou para editoriais de ámbito galego como estatal.
Ademais de Murakami, este tradutor é o responsable de que poidamos ler na nosa lingua O caranguexeiro, Takiji Kobayashi, Unha noite no tren da vía láctea, Kenji Miyazawa ou O ganso salvaxe, Mori Ōgai.
Coñecémolo mellor neste Cuestionario Proust:
1. O principal trazo do teu carácter? Unha relativa calma e temperanza.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A xenerosidade e a humildade.
3. E nunha muller? As mesmas.
4. Que agardas das túas amizades? Que me saquen da casa de cando en vez.
5. O teu principal defecto? Vivir de máis no presente.
6. A túa ocupación favorita? A música e a lectura.
7. O teu ideal de felicidade? Ter preto a familia, a moza e os amigos, ter boa saúde, xantar ovos fritos con patacas fritas de cando en cando, ir á aldea, ter libros para ler, facer algunha viaxe e gozar de servizos públicos de calidade, gratuítos e universais.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Perder a xente que quero.
9. Que che gustaría ser? Bo músico e boa persoa.
10. En que país desexarías vivir? Temporalmente, en Portugal, Italia, Grecia, Brasil… E de novo no Xapón.
11. A túa cor favorita? O azul.
12. A flor que máis che gusta? A do kinmokusei (Osmanthus fragrans).
13. Que paxaro prefires? A pega e mais a kuina de Yambaru (Hypotaenidia okinawae).
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Eça de Queiroz, Yasutaka Tsutsui, Kaori Ekuni, Alejo Carpentier, Eduardo Blanco Amor, Edogawa Ranpo, William Gibson, Italo Calvino, Tomoyuki Hoshino…
15. E poetas? Li Bai, Shuntarô Tanikawa, Yasuhiro Yotsumoto, Motoko Michiura, Ungaretti, Alda Merini, Olga Novo, Lois Pereiro…
16. Un heroe de ficción? Ramón Lamote Miñato e Tora-san, o protagonista da serie de filmes Otoko wa tsurai yo de Yôji Yamada.
17. Unha heroína? A Nausicaä de Miyazaki.
18. O teu músico ou música favorito/a? Nara Leão, Parcels, Narf, Mina, Emilio José (o bo, o de Quins), L’Impératrice, King Gizzard & the Lizard Wizard, Taeko Onuki, Os amigos dos músicos, Fausto, Familia Caamagno, Capitão Fausto, Arthur Verocai, Malandrómeda, Néboa, Yura Yura Teikoku, Luiz Bonfá, El petit de Cal Eril, Doves, Khruangbin, Charles Bradley, Novos Baianos…
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Urbano Lugrís, Hieronymus Bosch, Artemisia Gentileschi, Taro Okamoto, Dalí, Remedios Varo.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Miña nai, meu pai e o meu sobriño Antón.
21. O teu nome favorito? Agapito/Agapita, e os nomes prácticos que designan os fillos por orde de nacemento, tipo Secundino, Quinto, Octavio ou, en xaponés, Ichirô, Jirô, Saburô, Shirô, etcétera.
22. Que hábito alleo non soportas? O de non pór os intermitentes.
23. Que é o que máis detestas? A prepotencia.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Gurús coma o reverendo Jones, Shoko Asahara, Keith Raniere ou Osho.
25. Un feito histórico que admires? A resistencia antifascista.
26. Que virtude desexarías posuír? A clarividencia.
27. Como che gustaría morrer? Lanzado á estratosfera cun canón.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Nos últimos anos, o desacougo polo traballo.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? O descaro e a inxenuidade até certo punto.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? «Quen non arrisca non petisca» e a súa versión xaponesa «dame moto».
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
