Marta Villar (Malpica de Bergantiños, 1973) é xornalista. En 2020 conseguiu o Premio Tiflos de Xornalismo e resultou finalista no XLI Premio de Xornalismo Julio Camba Afundación. Foi finalista tamén nos certames de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal nas edicións de 2021 e 2022, así como no Premio de Poesía Gloria Fuertes do Concello de La Rinconada (Sevilla) de 2021.
No 2023 estreouse na novela con Non temerás os coches amarelos, unha obra de militancia contra o machismo e a crenza na violencia para erradicar a violencia, ademais dunha fonda reflexión sobre a profesión xornalística.
Coñecémola mellor neste Cuestionario Proust:
1. O principal trazo do teu carácter? A curiosidade por todo.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A empatía.
3. E nunha muller? A empatía tamén.
4. Que agardas das túas amizades? Que duren sempre.
5. O teu principal defecto? A impaciencia.
6. A túa ocupación favorita? Imaxinar.
7. O teu ideal de felicidade? Non seguir aniquilando o planeta.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Non poder axudar.
9. Que che gustaría ser? Máis creativa, pintora, cantante e astronauta.
10. En que país desexarías vivir? Xa vivo nel, Galicia.
11. A túa cor favorita? O arco da vella.
12. A flor que máis che gusta? O tulipán amarelo e a roseira silvestre.
13. Que paxaro prefires? O pardal, a anduriña, o bufo… Todos me gustan.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Sarah Watters, Mary Shelley, Agatha Christie, Sándor Márai, Moehringer, Cunqueiro, Domingo Villar, Vázquez Montalbán.
15. E poetas? Pilar Pallarés, Gloria Fuertes, Szymborska, Manoel Antonio, Benedetti, Olga Novo, Ismael Ramos.
16. Un heroe de ficción? Sarah Connor.
17. Unha heroína? Sarah Connor.
18. O teu músico ou música favorito/a? Música disco dos 80.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Maruja Mallo e Chagall.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Todas as mulleres que loitaron e loitan pola igualdade. E ultimamente, Karikó, a da vacina da Covid.
21. O teu nome favorito? Áine.
22. Que hábito alleo non soportas? O falar sen escoitar nin ter interese pola outra persoa.
23. Que é o que máis detestas? A violencia contra os/as débiles.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Todas as que non dan valor á vida.
25. Un feito histórico que admires? As sufraxistas.
26. Que virtude desexarías posuír? Paciencia. E vontade.
27. Como che gustaría morrer? Consciente.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? En observación.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? A mentira cando é piadosa e evidente, e a rexouba.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Arrisca.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
