Quizais moitas persoas coñezan a María Canosa (Cee, 1978) pola súa participación no recoñecido progama da TVG ‘Cifras e letras’, pero esta muller tamén destaca pola súa prolífica faceta literaria especialmente vinculada á poesía e á literatura infantil en galego, con obras como O Crebanoces, Papá, que son os sorrisos?, O libro dos medos, O neno inverno, Saínza, a punkiereteira ou, recentemente, Luísa Villalta, melodía de palabras, sobre a homenaxeada nas Letras Galegas 2024.
A súa extensa obra levouna a merecer múltiples recoñecementos, como o Premio Merlín de Literatura Infantil no 2012 por Muriel ou o Premio Follas Novas 2022 na categoría de divulgación por H2…Oh!
Coñecémola mellor neste Cuestionario Proust:
1. O principal trazo do teu carácter? Din que a discreción, integridade ou empatía.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A integridade, a nobreza.
3. E nunha muller? As mesmas.
4. Que agardas das túas amizades? Amizade.
5. O teu principal defecto? Autoesixencia excesiva.
6. A túa ocupación favorita? Compartir coa xente que quero.
7. O teu ideal de felicidade? Compartir tranquilidade.
8. Cal sería a túa maior desgraza? As desgrazas familiares.
9. Que che gustaría ser? Creo ser boa persoa.
10. En que país desexarías vivir? Nunha Galicia fachendosa de ser Galicia.
11. A túa cor favorita? A cor do mar.
12. A flor que máis che gusta? As do xardín da casa.
13. Que paxaro prefires? O ferreiriño azul.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? A miña nai.
15. E poetas? Varían moito ao longo do tempo.
16. Un heroe de ficción? Sempre mo pareceu Carpanta, un auténtico supervivente.
17. Unha heroína? Mafalda.
18. O teu músico ou música favorito/a? A miña filla maior tocando o violín.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? A filla pequena cos seus arcos da vella.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Os meus avós, os meus pais.
21. O teu nome favorito? Ana e Mariña.
22. Que hábito alleo non soportas? A desconsideración.
23. Que é o que máis detestas? A inmoralidade e hipocrisía.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Hai demasiada tiranía…
25. Un feito histórico que admires? A descuberta da estrutura do ADN de Rosalind Franklin.
26. Que virtude desexarías posuír? Habelencias artísticas para a música ou pintura.
27. Como che gustaría morrer? Tranquila.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? En activo.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Os benintencionados.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Non sei se chega a ser unha máxima, pero trato de seguir o que dicía o Conde de Montecristo: confía e espera.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
