Cuestionario Proust: Xesús Fraga, xornalista e escritor, Premio Nacional de Narrativa 2021

Naceu en Londres, pero dende moi neno viviu na Coruña, e logo en Betanzos. Estudou xornalismo en Salamanca e traballa desde hai moitos anos en La Voz de Galicia. Entre as súas obras destacan títulos como O elefante Branco. A-Z, Salimán, Reo, ou Virtudes (e misterios). Precisamente con esta última mereceu o Premio Nacional de Narrativa 2021, o Premio Blanco Amor 2019, e o Premio da Crítica de Galicia 2021.

Como tradutor trouxo para o galego libros como Lolita, de Vladimir Nabokov, Arthur & George, de Julian Barnes, ou Diario do ano da peste, de Daniel Defoe.

Recentemente vén de publicar Río Miño, unha viaxe entre solsticios, na editorial Kalandraka. Fraga percorreu os 315 quilómetros do curso do Miño dende o seu nacemento no Pedregal de Irimia, na serra de Meira, ata a súa desembocadura na Guarda, no océano Atlántico. O resultado é unha viaxe física e contemplativa, narrada con frugalidade e enxeño, que nos achega ao fluxo dos regatos do principal río de Galicia, pero tamén ás terras que o rodean: a Terra Chá, Lugo, Paradela, a Ribeira Sacra, Os Peares, Ourense ou Castrelo do Miño.

Coñecemos mellor ao autor neste Cuestionario Proust:

1. O principal trazo do teu carácter? Ser demasiado fantasioso.

2. Que calidade aprecias máis nun home? Lealdade e xenerosidade.

3. E nunha muller? Véxase a resposta dúas.

4. Que agardas das túas amizades? A súa amizade xa é abondo.

5. O teu principal defecto? Darlle demasiado ao maxín.

6. A túa ocupación favorita? Véxase a resposta anterior.

7. O teu ideal de felicidade? Un mar calmo.

8. Cal sería a túa maior desgraza? O sufrimento dos seres queridos.

9. Que che gustaría ser? Non me importaría ser un carballo centenario.

10. En que país desexarías vivir? Nunha cidade-xardín chamada Galicia.

11. A túa cor favorita? Toda a escala de grises, de marengo a antracita.

12. A flor que máis che gusta? As dixitais e as queiroas.

13. Que paxaro prefires? O merlo que rouba os amorodos.

14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Creo na trindade Rosalía-Castelao-Cunqueiro.

15. E poetas? Véxase a resposta anterior.

16. Un heroe de ficción? Orlando.

17. Una heroína? Véxase a resposta anterior.

18. O teu músico ou música favorito/a? Depende do día, mais Bach sempre está en todos.

19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Os grafiteiros.

20. O teu heroe ou heroína na vida real? A risco de repetirme, a miña avoa Virtudes.

21. O teu nome favorito? As miñas persoas favoritas sono independentemente do nome.

22. Que hábito alleo non soportas? Os abusóns.

23. Que é o que máis detestas? Véxase a resposta anterior.

24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Os totalitarismos.

25. Un feito histórico que admires? A escrita.

26. Que virtude desexarías posuír? O teletransporte resultaría moi útil.

27. Como che gustaría morrer? Se é certo que ves pasar a película da túa vida, gustaríame volver a vela en tempo real e parando o vídeo cando me petase.

28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Saudoso.

29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Os que van seguidos dunha desculpa sincera.

30. Tes unha máxima ou lema de vida? Son moi pouco categórico.

Foto autor: Sabela Eiriz


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.