Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) é feminista, narradora, poeta, tradutora e membro da Real Academia Galega desde 2017. Dona dunha das voces máis singulares das nosas letras, recibiu os máis importantes premios da literatura galega. O seu labor académico na Universidade de Santiago de Compostela centrouse na argumentación e no pensamento crítico.
Escribe novelas para todos os públicos, dende as crianzas ata as persoas adultas, e de entre a súa obra destacan Mudanzas e outros velenos (2017), que reúne parte da súa creación poética; Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros (2017) , A filla do minotauro (2018), Premio Raíña Lupa; A Compañía Clandestina de Contrapublicidade (1998), Premio Álvaro Cunqueiro e As malas mulleres (2021), Premio Blanco Amor; ou Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2021), xunto con María López Sández.
No ano 2022 recibiu o Premio Nacional de Narrativa pola súa obra As malas mulleres, unha dura e apaixonante viaxe polo tramo final do século XIX. A novela conta unha historia a varias voces, a de Sisca, de 15 anos, presa por non seren as mulleres donas do seu corpo; as de mulleres como Concepción Arenal, visitadora de prisións; e Juana de Vega, cruciais para entendermos a nosa historia e as do “mudo coro das malas mulleres”, que entoa prantos sobre encontros cos predadores sexuais.
Coñecémola mellor neste Cuestionario Proust:
1. O principal trazo do teu carácter? Son optimista –no sentido de Gramsci, optimismo da vontade– adoito ver o moito fermoso que hai na vida.
2. Que calidade aprecias máis nun home? O espírito crítico.
3. E nunha muller? O espírito crítico (o mesmo, aprecio o mesmo nas persoas, en todas).
4. Que agardas das túas amizades? Que me acompañen no camiño (ás veces por causas perdidas).
5. O teu principal defecto? A impaciencia.
6. A túa ocupación favorita? Ler.
7. O teu ideal de felicidade? A felicidade é diversa, segundo os momentos, o amante, os libros, tempo para escribir cando estás cunha novela ou con poemas, camiñar polo monte, entre os abruñeiros.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Perder a capacidade de razoar.
9. Que che gustaría ser? Gústame ser o que son, escritora e investigadora sobre o pensamento crítico. As persoas que podemos traballar no que nos gusta somos unhas privilexiadas.
10. En que país desexarías vivir? Vivo en Galicia porque é onde desexo vivir, onde escollín vivir.
11. A túa cor favorita? O azul.
12. A flor que máis che gusta? A mapoula, humilde flor ventureira de catro pétalos.
13. Que paxaro prefires? O animal que prefiro é o lagarto arnal, espero que valga ao estar emparentado cos dinosauros e as aves.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Joseph Conrad e Mary Wollstonecraft Shelley (e se me preguntas por ensaio, Michel Foucault).
15. E poetas? Alice Oswald, das contemporáneas, sobre todo o seu libro Dart, e Sylvia Plath.
16. Un heroe de ficción? Corto Maltés.
17. Unha heroína? Scout Finch, a protagonista de “Matar un reiseñor” de Harper Lee.
18. O teu músico ou música favorito/a? Depende dos días: The Doors (Light my fire), ou a sonata para piano e violín en si bemol K378 de Mozart, outros días Lester Young ao clarinete (mellor que ao saxo) tocando “I cover the waterfront”.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Goya e das contemporáneas Paula Rego.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Rosa Luxemburgo, que pagou coa vida ser crítica co seu país e o seu partido.
21. O teu nome favorito? Kalypso (é o nome dunha amiga grego-chipriota, Kalypso Iordanou).
22. Que hábito alleo non soportas?Facerse a vítima, procurar agravios.
23. Que é o que máis detestas? O machismo, os mecanismos do patriarcado.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Tendo en conta que nacín na ditadura, Franco.
25. Un feito histórico que admires? A Comuna de París.
26. Que virtude desexarías posuír? Paciencia.
27. Como che gustaría morrer? Durmindo.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Esgazada entre varios proxectos que quero levar a cabo ao tempo.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? A gula.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Rebelarse contra as inxustizas, aínda que ás veces saibamos que de momento non imos gañar.
Foto da autora: Miguel Taboada
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
