Brais Lamela é unha das grandes voces da narrativa galega actual, e hai nada acadou o Premio da Crítica da narrativa galega 2022 polo seu libro Ninguén queda, de Euseino Editores, que se vén de publicar en castelán da man da recentemente creada editorial Cuatro Lunas. Desa obra o xurado destacou a “hibridación discursiva derivada dunha aparencia de provisionalidade […] que esperta inmediatamente a empatía do público lector”.
Nado no 1994, viviu na Galiza ata os dezasete anos e despois estudou en varios países con bolsas. Formado en literatura comparada e historias nas universidades de Cambridge e Brown, gañou algúns premios literarios como o Minerva, Ánxel Casal e Xuventude Crea, e cursa un doutoramento en literatura na Universidade de Yale, onde tamén exerce a docencia.
1. O principal trazo do teu carácter? A inconsistencia.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A comprensión e a intelixencia, que case sempre van xuntas.
3. E nunha muller? O mesmo.
4. Que agardas das túas amizades? Non me parece ben esixirlle moito a ninguén.
5. O teu principal defecto? Certa tendencia a desaparecer.
6. A túa ocupación favorita? Mirar pola fiestra.
7. O teu ideal de felicidade? Algo semellante a esa complicidade que xorde ás veces en certas conversas.
8. Cal sería a túa maior desgraza? A morte dos seres queridos.
9. Que che gustaría ser? “Un poeta inglés do século pasado,” como a Paulo Leminski.
10. En que país desexarías vivir? Un país de emigrados.
11. A túa cor favorita? Verde.
12. A flor que máis che gusta? Non coñezo os nomes das flores.
13. Que paxaro prefires? Sempre os confundo.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Os que escriben unha prosa contida que admite a estrañeza, como JM Coetzee.
15. E poetas? Alice Oswald, Anne Carson, John Keats.
16. Un heroe de ficción? Bartleby.
17. Unha heroína? Elizabeth Costello ou Auxilio Lacuturre.
18. O teu músico ou música favorito/a? Estes días Joanna Newsom.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Sesshu, Goya, Nicole Eisenman: pintores do concreto e do incerto.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Miña nai.
21. O teu nome favorito? Camila, camilo.
22. Que hábito alleo non soportas? A falta de consideración.
23. Que é o que máis detestas? A moral mesquiña dos que se consideran “xente normal”.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Os tiranos do día a día.
25. Un feito histórico que admires? As folgas xerais.
26. Que virtude desexarías posuír? A habilidade de quedar durmido cando quixese.
27. Como che gustaría morrer? Con paz e certo nivel de consciencia.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Curioso, pero máis ben inquieto.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Os que nacen da boa fe ou da torpeza.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Máis luz.
Foto do autor: Mariana Katz
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
