Cuestionario Proust Leticia Barbadillo: mestra e escritora

Leticia Barbadillo

Leticia Barbadillo Vázquez (A Coruña, 1983) estudou Comunicación Audiovisual porque quería ser guionista. Hai uns anos, reconduciu a súa carreira cara ao ensino e traballa como mestra de Educación Infantil na escola pública. Nai de tres fillos, participou nos blogs colectivos «Se o vello Simbad tivese fillos» e «Sobre as cousas». A botella de lentellas, Premio Merlín de Literatura 2023, é a súa primeira obra.

Coñecémola mellor neste Cuestionario Proust:

1. O principal trazo do teu carácter? Un equilibrio absurdo entre a teimosía e a inconstancia.

2. Que calidade aprecias máis nun home? Intento que sexa a bondade, pero segue a admirarme a intelixencia.

3. E nunha muller? A impermeabilidade ao patriarcado.

4. Que agardas das túas amizades? Que me deixen acompañalas no divertido e no terrible.

5. O teu principal defecto? O ensimesmamento.

6. A túa ocupación favorita? A desocupación.

7. O teu ideal de felicidade? Como agora, pero sen ter que traballar para vivir.

8. Cal sería a túa maior desgraza? Testemuñar violencia deliberada contra algún dos meus fillos e non poder impedila.

9. Que che gustaría ser? Xa son moitas máis cousas das que imaxinei, pero fascinaríame experimentar o mundo como o micelio dos fungos ou calquera outro organismo colectivo, deslocalizado e lonxevísimo.

10. En que país desexarías vivir? Nunha utopía socialfeminista poliamorosa de clima temperado.

11. A túa cor favorita? Amarelo.

12. A flor que máis che gusta? A camelia branca na árbore.

13. Que paxaro prefires? As pegas que conspiran contra nós no xardín.

14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Depende do día, agora mesmo a tope con Irene Solà. De adolescente fun moi de Hesse e de Millás e, despois, de Auster. Cunqueiro, Dahl, Gripe, Ende sempre. Aínda así son máis de obra que de autor.

15. E poetas? Non sei ler poesía, pero con Lucía Aldao á fin do mundo.

16. Un heroe de ficción? O barón rampante.

17. Unha heroína? A Teresa de Jesús de Cristina Morales en Malas Palabras.

18. O teu músico ou música favorito/a? Un grupo: Antónia Font.

19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Creo que non teño diso.

20. O teu heroe ou heroína na vida real? Alejandro Calleja e Lucía Lomas, que asumiron o risco de perder a custodia do seu fillo por facer respectar os seus dereitos educativos e dez anos despois seguen nun proceso xudicial para que España cumpra a sentenza da ONU para que eses dereitos queden blindados para as que veñen detrás.

21. O teu nome favorito? Benilde.

22. Que hábito alleo non soportas? Soporto, pero mal, os audios de WhatsApp.

23. Que é o que máis detestas? A crueldade, activa ou pasiva.

24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Netanyahu e todos os que lle deixan facer.

25. Un feito histórico que admires? Todos os de resistencia civil colectiva, especialmente os protagonizados por mulleres ás que a realidade converteu en activistas involuntarias.

26. Que virtude desexarías posuír? Todas as que fan mellor a vida das demais ao estaren comigo, empezando por ser xenuinamente amable.

27. Como che gustaría morrer? Satisfeita, sen dor e sen medo.

28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? A preguiza.

29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? En xeral calquera que non sexa meu. En particular, teño bastante tolerancia ao rosmonismo e á desorde.

30. Tes unha máxima ou lema de vida? Sigue nadando.

Autor foto: Jorge Martínez Rey


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.