Cuestionario Proust Xoán Abeleira: escritor e músico

Xoán Abeleira e fillo de emigrantes galegos. En 1973 a súa familia volta a España, instalándose en Madrid, onde Abeleira inicia a súa andaina como poeta, narrador, tradutor, músico, xornalista e crítico literario.

En Madrid publica os seus primeiros poemarios Umbral del Centinela/La piel iluminada (Olifante, 1997), volume dobre nomeado ós premios Ícaro de Literatura do Diario 16; Identidades (Hiperión, 1998); e Nueve motivos para un obsequio (Mandala, 2001), unha obra realizada canda a pintora brasileira de sumi-e  Lourdes Parente. En Madrid estréase tamén como autor de literatura para nenos, coa serie Las aventuras de Nunavut, pola que é elixido “autor do mes” na revista CLIJ.

En galego destaca Animais Animais, As nosas sombras no xardín de Serralves, Pan de ánimas ou A poesía é un misterio clandestino/ La poesía es un misterio clandestino, antoloxía poética bilingüe.

Coñecémolo mellor neste Cuestionario Proust:

1. O principal trazo do teu carácter? A xente que me ama di que a ledicia e maila paixón son os meus trazos máis característicos: auga e lume non fusionados -como na alquimia- senón enfrontados… En xeral, son moi hamletiano (coido que o signo zodiacal de Hamlet é Cáncer, coma o meu) e moi baudelairiano, pois carrexo, case que sempre, unha sorte de rachón interior, de tensión anímica entre polos supostamente antagónicos, o espírito e maila carne, que me fai sufrir moito, oscilando arreo entre o acougo e o desacougo, a calma e a anguria, o gozo e a insatisfacción, a paz e o remorso.

2. Que calidade aprecias máis nun home? A mesma que en tódolos seres: a Bondade/o Amor. (Metta, en sánscrito).

3. E nunha muller? A súa capacidade liberadora de reconectarse e reconectarnos co sagrado, co Brahman. Niso salienta a muller-nena (no senso surrealista, bretoniano do termo). As mulleres máis importantes da miña vida, empezando pola miña filla, foron, son mulleres-nenas.

4. Que agardas das túas amizades? Que amizan dentro delas! Non, en serio: os verdadeiros amigos son esas persoas que, como di Víctor Manuel, “nunca piden nada e sempre dan”. Pero arestora xa non quero agardar nada de ninguén. Todas e todos debemos ser “o noso propio acubillo” (Buda), pois ninguén, bardante cadaquén, pode darnos o que realmente arelamos consciente ou inconscientemente: refundirnos coa nosa esencia divina. Ás horas da verdade, a morte e a postmorte, sempre estamos sós. Vagamos polo Ciclo da Existencia completa/mente sós.

5. O teu principal defecto? Non creo no concepto “defecto” -como tampouco no concepto “pecado”-, porque o celme de tódolos seres e de tódalas cousas é absolutamente perfecto, marabilloso de seu: non pode nin mellorarse nin empeorarse. Por iso prefiro falar de hábitos físicos e mentais nocivos, ou de “obstáculos”, ou “veleños”, como se di no budismo. En xeral, a maioría dos problemas dos seres humanos nacen do aferramento á ilusión do ego, coido, e, curiosamente, canto máis egocéntricos parecemos, máis autodesprezo adoita haber debaixo… No meu caso, creo que as maiores pexas na miña andaina espiritual son o meu apego á sexualidade e a miña teimosía con respecto ás miñas crenzas. Disque sempre creo ter a razón en todo.

6. A túa ocupación favorita? Meditar -malia non ser un bo meditador.

7. O teu ideal de felicidade? O Nirvana. A liberación do Ciclo do Sufrimento (Samsara).

8. Cal sería a túa maior desgraza? Unha que non me atrevo nin a escribir aquí, por medo a que suceda.

9. Que che gustaría ser? O buda que xa son pero aínda non vin.

10. En que país desexarías vivir? “Eu podería vivir nunha casca de noz e considerarme o rei do espazo infindo… de non seren por estes pesadelos” (Hamlet) e estes remorsos que me atormentan. Alén diso, Galicia paréceme o Paraíso. De non vivir aquí, faríao noutro país celta: Escocia, Gales, Irlanda.

11. A túa cor favorita? Fóra de min: as cores do espectro do Arco da Vella; as dos distintos menceres; as dos ollos das mulleres que amo (a miña filla e maila miña compañeira). Dentro, as da Base Luminosa da Conciencia -que algunhas, poucas veces albisquei.

12. A flor que máis che gusta? Tódalas silvestres. Emocióname moito ilas descubrindo polos agros, polos montes, polas beiras dos ríos… Amo incansablemente a Natureza.

13. Que paxaro prefires? A bubela é un símbolo especial para min.  A miña primeira “canción xamánica” de poder titúlase “Canción da bubela”. Véxoa con moita frecuencia -malia non ser doada de ver-. Pero eu amo tódolos animais, e tódalas aves.. Son un home coa cabeza chea de paxaros!

14. Os teus autores/as favoritos en prosa? As e os que escriben libros extraordinarios, inclasificables, tipo Aurelia, Une saison en enfer, Les chants de Lautréamont, Livre de Monelle, Nadja, Arcane 17, Bruges la morte ou Sombre printemps. Secasí, levo no cor certas obras clásicas/modernas que lin con devoción: A morte de Iván Ílich, As aventuras de Arthur Gordon Pym, A árbore da ciencia, A peste e O estranxeiro, Lolita, O cabo das tormentas, Bomarzo, Baixo o volcán… e ducias de relatos de Hoffmann, Maupassant, Chéjov, Mansfield, Woolf, Torga…

15. E poetas? Sempre adoito responder: “O poeta que máis me gusta é o que busco cadora en min”, afirmación esta que non se adoita entender moi ben… Por iso arestora direi: os poetas anónimos xamánicos, Milarepa, Jorge Manrique, Garcilaso de la Vega, Francisco de Quevedo, Charles Baudelaire, Arthur Rimbaud, Rainer Maria Rilke, Antonio Machado, Antonin Artaud, André Breton, Robert Desnos, o Pablo Neruda de Residencia en la tierra, o Dámaso Alonso de Hijos de la ira, Miguel Hernández, César Vallejo, Ted Hughes ou Sylvia Plath. Dos galegos, creo que Manuel Antonio foi un xenio morto prematuramente. E, por riba de todos eles, San Juan de la Cruz, que para min é o paradigma do poeta perfecto.

16. Un heroe de ficción? En parte, Hamlet. En todo, Larry Darrel, o protagonista d’O gume da navalla, de William Somerset Maughan.

17. Unha heroína? Mrs. Dalloway, a protagonista da novela homónima de Virginia Woolf. E varias das protagonistas das novelas de Jane Austen. E Aurelia, e Monelle, e Nadja, e Lolita, e Zürn (autoficción): provócanme moita compaixón.

18. O teu músico ou música favorito/a? Como na pregunta número 15, debería responder: “O que me gustaría ter sido nesta vida”, e ás veces son. Adoro a música, en xeral, e cantar, en especial. Creo que máis cá poesía. Foi o primeiro que quixen ser: cantante e compositor. Non hai día en que non cante algunha peza do folkrock, do pop ou do jazz, ou cantaruxe unha melodía clásica.

19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Os pre-surrealistas (el Bosco, Blake, Goya…) e os surrealistas (Carrington, Varo, Brauner…). Os románticos, os simbolistas… Mais as pinturas e as esculturas que máis me con-moven son as prehistóricas e as xamánicas. A “arte primitiva”, en xeral.

20. O teu heroe ou heroína na vida real? Tódalas partículas subatómicas do meu corpo actual póstranse cada día perante algunha imaxe de Siddharta Gautama, o Buda. E, tras il, admiro a tódalas persoas que seguiron antano e seguen hogano o Camiño da Sabedoría.

21. O teu nome favorito? Ana, por ser o primeiro que coido que demos á Deusa os seres humanos.

22. Que hábito alleo non soportas? Tento aprender cadora a ser compasivo e ecuánime cos malos hábitos alleos, porque eu tamén teño os meus -e fanme sufrir moito.

23. Que é o que máis detestas? A guerra, a violencia, a crueldade, o abuso de poder, a aldraxe… froitos todos da ignorancia, no senso budista da palabra. No mundiño artístico, os trepas/lambecús/hipócritas/mafiosos/ladróns… enérvanme… aínda.

24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Máis ben unha triada de piares patriarcais: o Estado, o Exército e maila Igrexa. De calquera país ou relixión.

25. Un feito histórico que admires? Antigo, o día en que Siddharta Gautama puxo en marcha a Roda do Dhamma. Moderno, a Comuna de París. Unha parte de min quere o anarquismo.

26. Que virtude desexarías posuír? En xeral, a bodhicitta –que é o cumio da sabedoría-.En concreto, máis tesón, máis forza de vontade. Son un xenio poñéndome escusas para non facer o que debo e podo facer. 

27. Como che gustaría morrer? Como finan as grandes e os grandes practicantes budistas: meditando ata re-coñecerme na Luz Clara da Mente. Ou sexa, iluminándome.

28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? O desacougo (dukha), a esgazadura interior, malia saber xa, por experiencia,  que “todo é Ben/ alén e aquén/ da nosa mente” (un aforismo de meu).

29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Feita a aclaración da pregunta número 5, son indulxente dabondo coas adiccións, porque calquera de nós pode caer nelas. Máxime nesta época na que o Sistema tenta convertirnos en ionquis robotizados/cretinizados.

30. Tes unha máxima ou lema de vida? Sabba danam dhamma danam jinati: non hai galano máis prezado có galano do Dhamma.

FOTO DO AUTOR: Amador Lorenzo


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.