Thayane Gaspar Jorge naceu no Rio de Janeiro en 1992. É xornalista e doutoranda en Ciencia da Literatura pola Universidade Federal do Rio de Janeiro (UFRJ). Imparte aulas de Cultura, Lingua e Literatura Galegas na mesma universidade ademais de administrar o blog «Sempre Alba» destinado á difusión da cultura galega no Rio. Anteriormente á Nossa concha de retalhos, publicou as novelas Princesa de Gelo (2012) e Mitral: o esconderijo do mundo (2013), ambas na Editora Modo Tradicional.
Nossa concha de retalhos é a historia de amor (e de desamor) de Coralina e Nuno, dous amantes brasileiros na cidade de Compostela. A través dela, a autora aproveita para homenaxear a Galiza.
Coñecémola mellor neste Cuestionario Proust:
1. O principal trazo do teu carácter? A sensibilidade, tanto as súas consecuencias positivas como as negativas.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A habilidade dunha escoita afectiva e atenta.
3. E nunha muller? O tanto de espazo (metafórico ou literal) que ocupa cando fala.
4. Que agardas das túas amizades? A admiración. Unha grande amiga da Costa da Morte unha vez díxome que só podemos ser amigos das persoas que admiramos profundamente.
5. O teu principal defecto? Pensar demasiado e, ás veces, estar máis dentro da propia cabeza que fóra dela.
6. A túa ocupación favorita? Ler, sobre todo en ambientes silenciosos porque estes son raros.
7. O teu ideal de felicidade? Viaxar e coñecer xente nova tódolos días.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Non ter tido tanto tempo para convivir co meu avó materno, a quen debo metade dos meus gustos musicais, literarios e artísticos.
9. Que che gustaría ser? Unha persoa interesante e decidida, mesmo nos detalles máis ínfimos e banais da vida cotiá.
10. En que país desexarías vivir? No voso, obviamente. Galicia!
11. A túa cor favorita? Amarelo, din que é unha cor alegre.
12. A flor que máis che gusta? Xirasol, porque saben sempre a dirección que seguir e son amarelas.
13. Que paxaro prefires? Tucano, porque nos ensinan que a beleza tamén está nas cousas asimétricas.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Ethan Hawke, Silviano Santiago, Julio Cortázar, Daniel Asorey e Manuel Rivas.
15. E poetas? Camilo Pessanha, María Lado, Rosalía de Castro, Nathália Rinaldi, Bruno Fontes, Ramón Cabanillas , Luisa Castro e Regina Guimarães.
16. Un heroe de ficción? Franklyn da película “Franklyn, o xusticeiro mascarado”, porque así coma Don Quijote está no limiar entre a loucura e a realidade. E no caso especificamente deste personaxe non sabemos se el é un xenio ou un louco, algo como O médico e o monstro.
17. Unha heroína? Antígona de Sófocles, por moitas razóns: por ser unha personaxe moi segura do que ela considera certo, pola súa asertividade e porque sinto resonancia coa súa máxima: “non nacín para o odio, nacín para o amor”.
18. O teu músico ou música favorito/a? Chet Baker.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Clarice Laender, Vero Coya e Liu Olivina.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? María Bonita.
21. O teu nome favorito? Ana e Alba.
22. Que hábito alleo non soportas? Persoas que falan moi alto.
23. Que é o que máis detestas? Barullo.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Hitler.
25. Un feito histórico que admires? A revolución dos cravos.
26. Que virtude desexarías posuír? A espontaneidade.
27. Como che gustaría morrer? O clixé: durmindo, para ter a impresión de que serei capaz de espertarme da morte como se fora un pesadelo.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Conversador, falar e escoitar sempre me manteñen entretida.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? O “overshare” cando non se ten intimidade, hai algo de bonito en estar dispoñíbel a calquera lector ou ouvinte, case unha exhibición persoal democrática da liberdade de ser o que se é para calquera persoa que atopes en teu camiño.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? “As persoas son máis dunha cousa”.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
