Xornalista cultural e docente, Montse Dopico (A Pontenova, 1977) conta cunha gran experiencia en xornais, pasando por Galicia Hoxe, El Progreso, La Voz de Galicia, Praza Pública, Nós Diario, El Cultural, El Mundo, El País, Faro de Vigo ou Público.
En 2017 recibiu o Premio de Xornalismo Johan Carballeira do Concello de Bueu pola súa reportaxe «Galaxia vs Galaxia. A construción de hexemonía cultural», publicada na revista Luzes; e no 2021 foi merecedora do Premio Follas Novas do Libro Galego na categoría de xornalismo cultural.
As súas ansias polo saber levárona a estudar Xornalismo e Historia, Antropoloxía, Socioloxía e Ciencias Políticas.
Coñecémola mellor neste Cuestionario Proust:
1. O principal trazo do teu carácter? Mmm… Antes podería dicir que a perseveranza. En todo. Agora non sei moi ben.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A intelixencia e as actitudes de coidado.
3. E nunha muller? As mesmas que nun home.
4. Que agardas das túas amizades? Que o sigan sendo 🙂
5. O teu principal defecto? Podo ser algo toxo. E iso é ás veces útil e moitas outras un problema.
6. A túa ocupación favorita? Ler. Andar por aí de concertos tamén me vai bastante.
7. O teu ideal de felicidade? Afectos (variados), como primeira condición. Moita cultura. E saúde.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Perder a saúde, supoño. Son máis sensible con iso desde que estiven varios meses sen poder camiñar.
9. Que che gustaría ser? Quen son. En versión mellorada.
10. En que país desexarías vivir? Neste. Por un tempo, en moitos. Alemaña, Dinamarca, Francia, Arxentina, Australia, Canadá… Unha vez tentei ir traballar a Rusia e non me quixeron. Fixeron ben.
11. A túa cor favorita? O vermello.
12. A flor que máis che gusta? Merco flores con moita frecuencia. É a miña única concesión á decoración. Pero non lles aprendo os nomes.
13. Que paxaro prefires? O paporroibo. A miña nai encántanlle os paxaros. Algo me contaxiou.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Son incapaz de responder a iso. Podo dicir 30? Veña, dous galegos: Manuel Darriba e Iolanda Zúñiga.
15. E poetas? Vou dicir Baudelaire por ir de guai. Pero tamén necesitaría facer unha lista. Non teño escritor/a favorito, nin cineasta, nin músico/a… Máis ben gústanme obras concretas.
16. Un heroe de ficción? Vai ser de teatro, e baseado nunha persoa real. O prota de Ragazzo. Un heroe que perdeu, pero que representa moitas cousas.
17. Unha heroína? Outra de teatro. Antígona. Gústame como os manda a todos á merda e ao final sálvase sen contar con iso.
18. O teu músico ou música favorito/a? Non escoito música na casa -ás veces o Grecia de Das Kapital- pero vou a moitos concertos. E prefiro o jazz ou o rock. Tamén teño un corazonciño metaleiro.Teño moitos grupos favoritos. Eu que sei: AC/DC.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? O meu sobriño. Sobre todo cando me pinta a cara.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Heroínas, as mulleres de antes e de agora implicadas no movemento obreiro. Sobre todo aquelas ás que miraban mal por negarse a quedar na casa mentres os homes facían a revolución.
21. O teu nome favorito? Leyla. Coñecín varias en Suecia. Namorei do nome.
22. Que hábito alleo non soportas? Levo mal a chantaxe emocional.
23. Que é o que máis detestas? O abuso de poder en distintas formas.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Nunca me gustaron os reis. Así en xeral. Tampouco os galegos.
25. Un feito histórico que admires? O inicio do movemento feminista. Que valentía.
26. Que virtude desexarías posuír? Moitas veces, ser quen de darlles menos voltas ás cousas.
27. Como che gustaría morrer? Tranquila. Despois dunha vellez dedicándome a ser escritora (ensaísta) e con moita vida cultural.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? A tranquilidade. Non son de grandes sobresaltos, nin por un lado nin polo outro.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Supoño que ser algo trapalleiro. Sobre todo con temas burocráticos. Eu entreguei tarde a declaración da renda este ano.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Non. Pero si teño un obxectivo inalcanzábel, que é saber moito. Por iso fixen cinco carreiras. Sigo tentándoo. Pero agora mudáronme as prioridades.
Autoría foto: Charo Lopes
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
