Cuestionario Proust Amador Castro Moure: escritor

Amador Castro Moure, naceu en Nandulfe (Chantada) e vive desde a súa infancia en Barcelona. Licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía, traballa na creación de aplicacións informáticas e como administrador de sistemas. No ámbito literario publicou Memorias de antes do encoro (2013) e Pillabán, pillabán (2018). Con Shanghai a Barcelona recibiu o Premio Xerais de Novela 2019, e hai pouco recibiu o XXXIV Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña por Pronto hei de volver.

Coñecémolo mellor neste Cuestionario Proust.

1. O principal trazo do teu carácter?  Por aí din que equilibrado.

2. Que calidade aprecias máis nun home?  Que sexa el mesmo, sen envurullos.

3. E nunha muller?  Igual. Non fago distincións entre persoas.

4. Que agardas das túas amizades?  Nada. Niso consiste, non? Saber que están aí, para o que cumpra, sen pedir nada a cambio e que elas teñan a mesma sensación de ti.

5. O teu principal defecto? Pode que a inconstancia. Deixar cousas sen rematar porque perdín o interese… Aínda que, ás veces, inconstancia pode ser un eufemismo para non dicir nugalla.

6. A túa ocupación favorita? Cociñar.

7. O teu ideal de felicidade? Un baño en coiros nas augas turquesa de Menorca, canda a miña querida, rematado cunha botella de viño branco ben frío e unhas croquetas de luras en tinta, nunha terraza á beira do mar.

8. Cal sería a túa maior desgraza? Que unha persoa amada morrese antes ca min. Sobre todo os fillos.

9. Que che gustaría ser? Cando era neno dicía que quería ser escritor e piloto de fórmula un. Fáltame o de piloto.

10. En que país desexarías vivir? Nunha Galiza sen complexos.

11. A túa cor favorita? Agora mesmo gústanme as combinacións de negro e laranxa.

12. A flor que máis che gusta? A da cabaciña. É fermosa e pódese comer.

13. Que paxaro prefires? A curuxa.

14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Clarice Lispector, Boris Vian…

15. E poetas? Clara Vidal, Bukowsky…

16. Un heroe de ficción? Dope Rider, personaxe de cómic de Paul Kirchner.

17. Unha heroína? Villanelle da novela Codename Villanelle (Luke Jennnings) e da serie Killing Eve.

18. O teu músico ou música favorito/a? Nunca souben contestar a esta pregunta. Depende do día, mesmo da hora… Por poñer un, diría que Lou Reed pola súa influencia na adolescencia.

19. O teu pintor ou pintora preferido/a?  Tarsila do Amaral (que naceu o mesmo día ca min) e o Bosco.

20. O teu heroe ou heroína na vida real? Os meus pais. Valentes e boas persoas.

21. O teu nome favorito? Gemma.

22. Que hábito alleo non soportas? O distro hopping social.

23. Que é o que máis detestas? A impostura.

24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Felipe Uve Pauciño, sempre con esa cara de estrinxido…

25. Un feito histórico que admires? O primeiro día de trunfo de calquera revolución, coas rúas bulindo de ledicia e esperanza… Despois veñen as traizóns.

26. Que virtude desexarías posuír? Chégame coas que teño. Hai que repartir.

27. Como che gustaría morrer? Como morreu o meu avó materno: consciente, sabedor do que ía acontecer e sen medo.

28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Calmo.

29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Ser indulxente presupón unha posición moral superior. Os defectos naturais das persoas non terían que ser xulgados, primeiro, para poder sermos indulxentes ou benevolentes despois. O resto, aquelas actitudes dignas de veredicto, non son defectos, senón mala uva.

30. Tes unha máxima ou lema de vida? «Cume, bibe e non te aquiloutres».


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.