Helena Villar Janeiro é unha das mulleres das que máis aprendo léndoa en Facebook cada día. Posuidora dunha gran sabedoría, froito de moitos anos como mestra, cultivou a poesía e a narración, con atención particular á literatura infantil e xuvenil. Presidiu a Fundación Rosalía de Castro, foi secretaria do Pen Club de Galicia e formou parte do Plenario do Consello da Cultura Galega. É socia de Honra de Gálix (2015) e da AELG, de quen recibiu o E de escritora (2016), e académica correspondente da Real Academia Galega desde 2017. Recibiu, entre outros, os premios de poesía, Xosé Mª Chao Ledo (1990), Eusebio Lorenzo Baleirón (1992), Xacobeo (1994), o accésit do M. González Garcés (1994) e Arume de Poesía Infantil (2003). Recentemente vén de publicar en Galaxia De rosa antiga, unha recompilación da súa poesía e coa que celebra os cincuenta anos nela.
1. O principal trazo do teu carácter? A amabilidade e a tolerancia.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A lealdade.
3. E nunha muller? O mesmo. Non fago diferenzas.
4. Que agardas das túas amizades? Que sexan honestas e non me traizoen.
5. O teu principal defecto? Ser moi lenta en perdoar as afrontas, se é que as consigo perdoar.
6. A túa ocupación favorita? Son moitas: escribir, ler, pasear, facer artes manuais, coidar o xardín … E mentres fago estas cousas, escoitar música nomeadamente a clásica.
7. O teu ideal de felicidade? Para min vivir en paz e co cariño dos meus. Para a sociedade, un estado xusto.
8. Cal sería a túa maior desgraza? A perda dun ser querido.
9. Que che gustaría ser? A soprano que sempre crin levar dentro.
10. En que país desexarías vivir?A pesar de que sufro vendo o que nel hai de anómalo, en Galicia.
11. A túa cor favorita? Azul.
12. A flor que máis che gusta? A rosa. Detrás da rosa, a peonía.
13. Que paxaro prefires? Polo canto, o xílgaro. Pola beleza, o paporrubio.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Cervantes e Cunqueiro.
15. E poetas? Rosalía e Juan Ramón.
16. Un heroe de ficción? Non me interesan os heroes de papel. Se non tivese máis remedio que escoller, sería D. Quixote.
17. Una heroína? Tampouco me interesan as heroínas. Se me vise obrigada a elixir, iría por Lisístrata.
18. O teu músico ou música favorito/a? O Requiem de Mozart.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Van Gogh.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Martin Luther King.
21. O teu nome favorito? Helena por unha tradición familiar que se conserva, e Elvira porque así se chamaba miña nai.
22. Que hábito alleo non soportas? O chafardeo maledicente.
23. Que é o que máis detestas? A inxustiza.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Francisco Franco. Deixou dos desaparecidos na miña familia que inda non se atoparon.
25. Un feito histórico que admires? A Revolución Francesa.
26. Que virtude desexarías posuír? O dominio da emotividade cando é procedente telo.
27. Como che gustaría morrer? Na miña casa e rodeada dos meus.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? O bo humor.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? A presunción se non é prepotente. A xente necesita autoestima.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Ánimo, que todo podería ser peor.
Foto da autora: Xoán Álvarez
muller culta & cultivada, com ollos ollando o monte, as vilas, as urbes. é amiga á distancia.
Me gustaMe gusta