Os versos que nos salvan. Unha recompilación persoal de poemarios que me gustan

Como acontece case sempre coas cousas bonitas da vida, a poesía chegou a min por casualidade, como a semente que ciscas un día e que xermola en forma de planta tempo despois, sen que ninguén agarde por ela. Sempre o comento, eu tíñalle medo á poesía, coma moitas persoas, porque ninguén nos prepara para lela. E senón, pensade… cando comezamos a ler, xa se nos inculcan libros de narrativa, un exercicio do que a poesía é a gran abandonada. 

Este desleixe por parte do sector educativo e formativo choca coa boa saúde da poesía na actualidade, cando se publican moitísimos poemarios nos que se expresa o mundo e que teñen moito que dicir sobre a realidade. No caso galego, por exemplo, destacan autores e autoras que reivindican a necesidade de escribir dende as marxes para converterse en centro, e das editoras que resisten, porque vivir da poesía continúa a ser un exercicio de militancia.

Mais, como deixei de ter medo e me convertín nunha tola da poesía? O proceso resulta inexplicable, pero basicamente se resume en que un día unha persoa me dixo que a poesía hai que lela e lela sen parar, aínda que nun primeiro momento resulte incomprensible porque chegará un momento, apenas perceptible, no que todas as pezas do crebacabezas comezarán a encaixar. E así aconteceu, como por arte de maxia. Convertinme en lectora de poesía, comecei a comprenderme nela, e a entender un pouco máis o mundo a través dos versos. Tamén a entenderme na dor, na esperanza, e a ler os versos hoxe dunha forma e en tres meses con outros significados. Porque nesa multiplicidade de lecturas tamén reside a maxia da poesía.

E froito da miña experiencia persoal, comparto con vós unha serie de recomendacións escritas en galego ou portugués, e que decidín dividir en función do que cadaquén podemos buscar nos diferentes momentos ou etapas vitais. Oxalá vos gusten e vos permitan achegarvos á poesía, sen medos, sen clixés, sen ataduras…

Para as que queren sentir o amor e o desexo de preto

Rascamasseiras, de Laura R. Cuba: Accessit do XV Premio de Poesía Erótica Ilhas Sisargas, estamos diante dun poemario que reivindica o amor e o desexo e a súa unión da forma máis inocente e perversa á vez. 

O cuarto de Jane, de Charo Pita: XV Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, nel fálase do desexo de forma aberta, nomeando os corpos e o que sentimos.

Meteoro imantado, de Noa Moreiras: porque é fermoso sentir, como se di nun dos versos deste poemario, que nos marabillamos coa visión do mundo sobre nós. E que tamén é unha festa “terte no corpo e na vida”. 

(Poemas de amor) para (os) 30 (anos de alguém que nunca amei tanto assim), de Maria Giulia Pinheiro e Elisa Scarpa: collages e poesía para dicir cousas tan fermosas e certeiras como “tenho inveja da noite / que te tem na cama / todo o día”. Porque tamén precisamos de poemarios que leven o amor xa no título.

Para reivindicar a querenza pola terra, polas nosas orixes

As Casas, de Carlos Lixó: este poemario indaga no concepto do que chamamos casa, construíndo versos arredor do fogar e das persoas que están nas súas orixes. É tamén un canto de amor cara un mundo que se esvaece: “agora hai unha rotonda / e chalés que van pasando de moda / e xa non quedan nenos”. 

Fronteira Paraíso, de Silvia Penas Estévez: cas fotografías de Jesús Andrés Tejada, atopamos aquí uns versos que transitan polas fronteiras, por eses espazos que son os nosos paraísos particulares. Adoro a voz de Silvia Penas, e a forza que ten ao recitar dende as entrañas.

Feliz Idade, de Olga Novo: se tivese que recomendar tan só un poemario para iniciarse na poesía galega, sen dúbida sería esta Feliz idade. Xogando con ese duplo sentido xa dende o título, Novo consegue enraizar a memoria, e unir as vidas dunha nena que vén ao mundo e dun pai que o abandona. Feminismo e querenza pola ruralidade, dúas das virtudes principais.

Lumes, de Ismael Ramos: o autor sempre consegue nos seus poemarios falarnos da dor con metáforas apegadas ao lume, e este é un claro exemplo. “Baixo a árbore os homes agardan a caída da mazá. Ela decidiu podrecer pendurada”.

Para reclamar que as nosas nais e avoas sexan inmortais

Na casa da avoa, de Marta Dacosta: sempre que leo a esta autora sinto as voces das mulleres que a precederon, pois ela non dubida en renderlles homenaxe sempre que pode, tanto no seu quefacer diario, como nas columnas de opinión e, por suposto, na poesía. Lembrar e ser lembradas, o noso soño: “Na casa da avoa amoreábanse as redes / cada día /as mulleres sentaban no chan e tensaban o aparello / prendendo un extremo entre as dedas” 

Cervatos, de Lucía Novas: este é un libro moi sonoro no que se compilan imaxes e lembranzas sensoriais coa avoa. Encántame ver como se ensambla o mundo máis cotián con aquel dos rituais do té.

Camuflaxe, de Lupe Gómez: esta autora é unha das grandes das nosas letras, quizais porque é quen de levar na súa pel a humildade que lle permite render homenaxe sempre a esa nai que a trouxo ata o que é, e que conta así: “Ti non tiñas soños / porque as mulleres na aldea non soñan. / O atraso económico de Galicia  / era unha forma de vangarda artística”. 

dente de leite, de Arancha Nogueira: lembrar a infancia e a construción dos recordos a través das viaxes en coche coa nai. Esta imaxe é un recurso baixo o que sentirse protexida, e tamén os dentes de leite simbolizan a inocencia da que despos sentimos nostalxia. 

A boa filla, de María N. Soutelo: un poemario que transita sobre o que simbolizan as fillas, terreo non tantas veces explorado. “As fillas / non nacemos boas / é unha longa aprendizaxe e domesticación / co paso dos anos”. Unha forma de opoñerse ás visións malignas que ten a sociedade das fillas. 

Versos alén da ponte, de Xosé de Cea: oautor constrúe este poemario no medio da brétema e mentres agarda a morte da súa nai no hospital. Versos duros e necesarios, que axudan a comprender. “Maldigo a poesía que me dá / versos en vez de bágoas. E eu quería / bágoas para chorarte na omertà / do teu enterro. Bágoas, non poesía”. 

Para que os versos teñan a forza das balas

A mulher submersa, de Mar Becker e Vladimir Vaz: un dos mellores libros que lin ultimamente, que nos fala de amor, de desamor, da propia busca da identidade, das que viñeron antes ca nós e do que debemos seguir loitando. Todas nós somos herdeiras das outras somerxidas.

Transmatria, de Daniel Asorey: este autor reivindica nos seus versos os dereitos de todas as persoas á identidade e á liberdade e reclama unha transmatria que sexa máis amable para expresarnos. “Quérennos caladas, / submises, / escravas sen futuro, /obxectos tan fermosos /ollando cara abaixo./ Por iso é que nos matan”. 

O máis difícil do capitalismo é encontrar o sítio onde pôr as bombas, de Judite Canha Fernandes: ante un mundo cada vez máis globalizador e uniformizador, a poesía deste libro eríxese coma un mecanismo de defensa, e impúlsanos a berrar moi moi forte, tanto que algún día xa non nos poidan calar. “Os príncipes / minha querida / fazem branqueamento de capitais”.

Guantanamera (poema nun só acto), de Samuel Merino: o autor fala da dor, da depresión e mesmo da ansiedade con poemas moi apegados á realidade, nos que atopamos unha loita individual e colectiva: “Non preciso dicir angustia / se cadra / non sabería describir / este corazón na gorxa / esta náusea rápida e abstracta / este golpe na caluga / coma unha árbore abatida”. 

Antoloxías cun pouco de todo

Trobeirxs do século XXI. Un percorrido polos poemas que non só se escriben, de Chan da Pólvora: un libro que recolle as creacións recitadas no Festival Feito a Man organizada pola Asociación Cultural Cidade Vella, e que propón unha mestura coas outras artes.

21 poetas do século XXI, edición a cargo de Carlos Da Aira: un libro ben interesante que nos fai crer no presente e no futuro da poesía galega, pois aquí atopamos voces moi novas que collen o testemuño do pasado e que ofrecen novas lecturas, novas propostas, nova poesía.

Coraxe. Poemas audaces para rapazas afoutas, de VVAA, na tradución de Eva Almazán: se tivera unha filla, creo que este sería un dos libros que compartiría con ela. Nel recóllense poemas que reivindican a necesidade de pensar e de lograr un mundo máis feminista, máis igualitario, sen racismo e sen diferenzas de clase.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.