Entrevista David Gesteira, do podcast Descifrando a Historia: “A clave é contar a historia dun xeito que xere intriga e curiosidade”

Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e cun Mestrado en Arquivos e Bibliotecas pola Universidade da Coruña, David Gesteira fundou hai algo máis dun ano o podcast Descifrando a Historia (dispoñible en Ivoox e Spotify), no que trata de achegar a historia da Galiza a través de análises e conversas con diversos estudosos e estudosas. Despois dun ano de vida, o podcast conseguiu o 3º premio na categoría de contido audiovisual dos Premios da Xuventude convocados pola Deputación de Pontevedra.

Pregunta (P): Por que é necesario descifrar a historia da Galiza?

Porque se descoñece. Non é un “mantra” que quero repetir constantemente pero é un feito palpable. A maioría de galegos identifícase en moitos acontecementos históricos que pasaron no resto de España e non no que aconteceu en Galicia. Fálase da resistencia contra os franceses cando entrou Napoleón, pero desde unha óptica centralista, sabendo que en Galicia tamén houbo focos de resistencia ao igual que no resto de España. E non só nese caso, hai milleiros.

(P): Como xermolou o podcast e que che aprendiches neste ano de vida?

O podcast naceu cando eu estaba en Francia. Neses momentos de confinamento eu necesitaba consumir conversas arredor da nosa historia, debates, ver a nosa historia desde outra perspectiva, pero non había nada. Moi pouca cousa. Foi aí cando decidín crear un espazo para o debate histórico de Galicia.

Aprendín de todo. E sobre todo, aprendo das persoas que asisten a falar no meu podcast. Os nosos e as nosas intelectuais teñen moitas cousas que dicir, pero non se lles dá voz. Teñen  análises que axudarían a comprender mellor o pasado e o presente de Galicia, pero froito da “casualidade”, ninguén se interesa en falar con elas nin con eles de xeito habitual.

«O podcast nos últimos anos está crecendo, porque a xente necesita consumir información mentres vai traballar, fai tarefas domésticas ou realiza algunha actividade».

(P): Recentemente gañaches o terceiro premio na categoría de contido audiovisual dos Premios da Xuventude convocados pola Deputación de Pontevedra. Que supón para ti este galardón?

É recoñecemento moi bonito a un traballo que fas sen esperar nada. Falo porque amas a túa terra, a túa historia e a esencia do teu pobo, que ves como esmorece ante unha “españolización” radical e un capitalismo financeiro salvaxe. Pero, como todo nesta vida, os proxectos que non se queren lucrar, esperan polo menos, apoio institucional e social. Por iso ese premio non foi só meu, senón de toda a xente que escoita os podcasts e segue a Descifrando a Historia nas redes sociais. A día de hoxe teño máis de 1.000 oíntes habituais, pero cantos máis veñan mellor.

(P): Nas túas redes sociais sempre insistes en que hai unha boa comunidade de podcasts en galego. A que cres que se debe esta eclosión? Cales son os teus favoritos?

Aquí teño que facer mención a Podgalego, a comunidade que engloba e reúne a maioría (case todos) dos podcast en galego. Por que? Pois porque fan un labor fantástico, dan moita visibilidade a todos os creadores e creadoras de contido e, en parte, teñen eles o mérito da eclosión dos podcast en galego. Outras razóns polas que creo que se están creando podcast en galego é porque veñen unhas xeracións concienciadas con Galicia e o galego. Ademais, o podcast nos últimos anos está crecendo, porque a xente necesita consumir información mentres vai traballar, fai tarefas domésticas, realiza algunha actividade, sae a pasear, etc. Actividades que levan media hora a maioría delas e o podcast é perfecto para cubrir eses ocos.

É realmente difícil escoller os meus favoritos. Pero aquí van unhas cantas recomendacións dos que escoito: Café Derby 21, Fóra de Mapa, Viaxantas, A Lareira e Oíches?

(P): Ademais do podcast tamén te estreaches hai uns meses na canle Twitch, onde emitiches en directo unha entrevista con Manuel Gago e, máis recentemente con Espazo Brétema e Mulleres Galegas. Que achega este formato e como é a preparación destes encontros?

Este formato achega interacción cos espectadores e, en certo modo, permite conversar de xeito ameno coas convidadas e convidados. A preparación é idéntica aos podcast, pero máis laborioso á hora de cadrar horarios.

Ademais hai moi boas canles en Twitch que sigo habitualmente e das que aprendo moito: A Lobeira Today, Ciencia e Tal, Orgullo Galego

(P): Polo programa pasaron figuras tan importantes como Xulio Ríos, Marilar Aleixandre, Aurora Marco, Miguel Anxo Bastos, Antón Losada… como decides as persoas a entrevistar e os temas a abordar? Fálanos un pouco do proceso.

Ao longo dos días xúrdeme a necesidade de saber máis sobre certos temas. Son dúbidas persoais que entendo que tamén as teñen máis persoas do común. Acto seguido busco persoas que saiban do tema en cuestión e falo con elas. A maioría asiste encantada a falar e analizar o tema que eu lle propoño.

(P): Despois de máis dun ano de andadura, tes algunha novidade para os próximos meses? Algún convidado ou convidada que nos poidas desvelar?

Si, hai algunha novidade, tanto de contido como estrutural. En canto ao contido, para xaneiro de 2022 espero poder iniciar a sección en redes sociais onde vou recomendar un libro, un documental ou un artigo para saber sobre un determinado tema. Convidados? Non me gusta anticipar nada ata ter gravado todo. Ademais, prefiro ir dando as novidades pouco a pouco.

(P): A historia necesita saír da academia, divulgarse. Cales son as técnicas para achegala á cidadanía en xeral?

Vou ser sincero. Non son un especialista en divulgar nin teño o truco ideal que faga que unha persoa á que non lle interesa o máis mínimo a historia se poña a investigar sobre ela. Iso si, creo que o esencial é contar a historia dun xeito que xere intriga e curiosidade. Todo o mundo nalgún momento da súa vida ten algunha dúbida histórica, e trátase de aproveitar ese momento para falarlle da nosa Historia.

«Descifrando a Historia é un proxecto de anos, e a calidade vai ir en aumento, sen dúbida».

(P): No teu espazo prestas atención tamén á visibilidade das mulleres, como mostran as entrevistas con Marilar Aleixandre ou Aurora Marco. En relación con isto, adoita dicirse que as mulleres son máis reacias a intervir no espazo público, quizais polos postulados deste mundo tan patriarcal. Cres que isto é así? Atopas dificultades para contactar con mulleres que acepten vir ao programa?

Pode ser que sexa así. E ogallá non rexeiten nunca ir a falar a ningures por ser en público. Pero a maioría das mulleres cas que falei para asistir a falar, nunca me puxeron pegas, todo o contrario, moi contentas de asistir e falar do que saben.

(P): Contas con moito feedback entre o público. Que é o que máis che sorprende desas interaccións? Cales son os programas que máis gustan?

A verdade é que estou moi contento co apoio social recibido ata o de agora. A maioría de comentarios que me chegan son positivos. Intento sempre mellorar e que cada programa sexa mellor ao anterior en calidade de contido, de son, etc., pero tamén é evidente que non teño tantos recursos como para facer uns podcasts perfectos. Iso si, Descifrando a Historia é un proxecto de anos, e a calidade vai ir en aumento, sen dúbida.

Os programas que máis gustan son os que falan das constantes históricas de Galicia: celtas, castrexos, Idade Media, etc.

(P): Moi en consonancia co podcast están as redes sociais de Instagram e Twitter nas que adoitas publicar anécdotas e reflexións históricas descoñecidas. Como as elixes? De que forma complementan o podcast?

Todo é case aleatorio. Eu leo todos os días sobre Historia de Galicia, sexa un artigo curto, algún libro… estou nunha constante aprendizaxe. E nesa constante atópome con curiosidades que creo que aos seguidores e seguidoras lles vai interesar, e é así na maioría dos casos. E tamén, esas pequenas pílulas de coñecemento permiten que a xente coñeza a forma na que trato a nosa historia e así, que se animen a escoitar os programas.

«Somos máis de dous millóns de galegos e galegas, e necesitamos máis medios que falen da historia e con xente especializada, que lle dea voz».

(P): Animarías a outras persoas a que creasen contidos na web? Por que?

Por suposto. Necesitamos que se fagan e se creen contidos na rede, por motivos evidentes e porque debemos consumir audiovisual en galego. Canta máis competencia mellor calidade, e se hai maior calidade todo o mundo se achegará á creación en galego sen estereotipos nin prexuízos negativos.

(P): Nos últimos tempos, dende o ámbito da historia da Galiza xermolan proxectos como o teu ou mesmo a revista Mazarelos. A que se debe esta eclosión?

A revista Mazarelos está a outro nivel. O meu é divulgación, o deles é unha revista máis ligada á “historia pura” por así dicilo. O meu son conversas coa xente do mundo da cultura e da historia de Galicia e de vez en cando, algún monólogo sobre algún tema. Eclosión? Tampouco o vexo así, somos máis de dous millóns de galegos e galegas, e necesitamos máis medios que falen da historia e con xente especializada, que lle dea voz. Pode ser este o inicio dun crecente interese por parte da poboación na nosa historia, pero aínda é moi cedo para falar de eclosión desde o meu humilde punto de vista.

(P): Cales son os teus referentes no estudo da historia da Galiza?

Aquí si que me vai ser moi doado responder. Os mellores para min son Ofelia Rey Castelao e Ramón Villares Paz. Son aos que máis leo e sigo, sen dúbida.

(P): Hai “Descifrando a Historia” para moito tempo? Como van os ánimos?

Non me gusta falar de tempo. Agora mesmo ten un ano de vida. Mañá nunca se sabe. E non é un clixé, é así. De momento eu gozo moito co que fago, pero un día pode ser que non teña tempo ou a xente deixe de escoitarme e aí terei que parar. Descifrando a Historia durará o que a audiencia queira que dure. E tamén do cariño que se reciba. E de momento iso vai moi ben, polo tanto, os ánimos son suficientes.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.