«Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres» de María Alonso Alonso

A ningún galego lle resulta estraño o fenómeno da emigración, pois dende sempre os nosos antepasados tiveron que buscar a vida fóra do país, e explorar outras realidades moi diferentes á nosa. Así é que a maior parte dos séculos XVIII, XIX e XX se explica pola emigración, primeiro a América e posteriormente aos países europeos. Isto xerou unha gran sangría poboacional, pois moitos destes emigrantes non voltaron á terra e afincáronse nos países de chegada, onde se crearon comunidades e centros de galegos. 

Pero este fenómeno non ficou no pasado, senón que no século actual continúa a producirse, sobre todo a raíz da crise económica do 2008, cando moitos mozos e mozas viron minguadas as súas oportunidades laborais na Galiza e tiveron que coller as maletas e dirixirse a outros lugares, maiormente de Europa. Esta emigración non se analizou aínda en profundidade, pero cando se fixo sempre foi dende a perspectiva masculina, obviándose, como xa é habitual, as experiencias das mulleres que, cómpre destacar, son moitas. 

Precisamente, co obxectivo de explicar as experiencias da emigración actual dende as olladas das mulleres, María Alonso Alonso vén de dar ao prelo Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres, un libro que recolle entrevistas con doce mulleres novas galegas que tiveron que deixar o país na busca de novas oportunidades. O libro é, pois, unha conversa fiada que se le coma un xornal, porque o que fai é ofrecer contidos e testemuños que a prensa diaria non recolle ou faino cunha perspectiva nesgada e conformista.

Migrantas constitúe unha denuncia do que acontece na actualidade, dunha Galiza que forma milleiras de persoas en diversas profesións e que non é quen de manter o talento na comunidade, senón que o deixa fuxir, sobre todo porque as condicións laborais e as oportunidades aquí parece que se reducen a bolsas de traballo ou contratos en precario, o que se observa de forma evidente no ámbito sanitario no que moitas profesionais denuncian que dende o Sergas as chaman para cubrir postos por duración dun día ou dunha semana.

O libro de María Alonso enche un baleiro e nel achegámonos ás motivacións, sentimentos e expectativas que están detrás da emigración, mais tamén os medos, os primeiros pasos, as mudanzas etc. Estas entrevistas, que se len case coma se estivésemos nunha cafetaría conversando, atopamos os testemuños en primeira persoa, e con nome e apelidos, de Aida Alonso Iglesias, Ana González Chouciño, Sara Estévez Fernández, Maika Arias López, Rocío Hernándeaz Arias, María Golpe Varela, María Touceda González, Marian Ferro Barreiro, Ana Garrido González, Andrea González Rodríguez, Lara Fernández Díaz e Eva Figueroa Pérez. 

Tal e como destaca a autora no limiar, “as conversas que se recollen neste libro tiveron lugar durante os tres últimos meses de 2020, en plena pandemia mundial pola covid-19”. Polo tanto, “son conversas reflexivas con mulleres que viven fóra de Galiza e que están tamén condicionadas pola imposibilidade de viaxar, aínda que sexa por uns días, para visitar ás súas familias”. Ese tempo da pandemia está, pois, moi presente nas entrevistas, pero estas van moito máis alá, pois a autora tamén pretende “postular unha tipoloxía alternativa arredor da idea de lugar, unha reinterpretación do concepto de fogar, unha valoración diferente do que somos en relación ao país do que marchamos e do país que nos acolle”. 

Son moitas as ideas que se espallan por este libro, pero a min interesáronme moito as que fan as mulleres vinculadas coas profesións de humanidades e, concretamente, as que proveñen as filoloxías. Neste sentido, son moi interesantes e pertinentes as reflexións que fai Ana Garrido, licenciada en Filoloxía Galega e que se integrou no 2010 como docente e investigadora na Universidade de Varsovia. Ela fala da mala consideración que ten na Galiza a formación sobre a lingua do país, e conta a boa experiencia fóra del, nunha Varsovia na que atopou persoas moi interesadas nestes estudos.

“O primeiro ano aquí foi revelador, e non tanto por atopar un bo número de alumnos interesados en lingua e literatura galega como pola incredulidade e estupefacción que atopei ao volver no Nada e ir explicando a familiares e amizades que, efectivamente, estaba traballando de profesora de lingua e literatura galega no estranxeiro”. 

En definitiva, Migrantas é un libro para ler demoradamente, para volver a el cando vemos noticias en certos medios de comunicación que falan da emigración galega de forma frívola, coma se todas as galegas quixésemos por vontade propia deixar o país no que nacemos. Ante iso cómpre que entendamos que se agocha detrás deste fenómeno e o que nós podemos facer como sociedade e de forma individual. 

Ficha técnica

Título: Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres

Autora: María Alonso Alonso

Editorial: Galaxia

Ano de publicación: 2021

Número de páxinas: 191

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.