«Deixádenos remar» de Ana Cabaleiro

Na literatura, o máis difícil de conseguir é a voz propia. A miúdo, as persoas que escriben reflexionan sobre o que lles gusta e poden tentar replicalo ou, o que sería idóneo, interiorizalo e producir unha voz diferente. Aí, nesa orixinalidade vense os verdadeiros escritores e escritoras.

A xornalista Ana Cabaleiro despuntou na narrativa galega co libro de relatos Sapos e sereas, un monllo de historias nas que xa se reflectían algúns dos trazos indiscutíbeis da súa obra posterior, como o humor e a retranca, e o compromiso coa sociedade. Eses relatos avanzaron e desenvolvéronse de forma máis madura en As Ramonas, unha novela que lle fixo merecer o Premio García Barros no ano 2018, e creo que aí atopamos o verdadeiro florecer desta autora, que agora nos volve facer escachar con Deixádenos remar, unha obra de pequena extensión mais que contén unha ollada poliédrica sobre os universos do cotián habitados por persoas ‘normais’ que tentan sobrevivir e loitar contra a indiferenza, e todo iso salpementado con moito humor, dese que tanto caracteriza tamén á autora de Saídres.

Finalista do XXXVII Premio Xerais de Novela, Deixádenos remar é un berro contra ese capitalismo feroz que ameaza con destruír as formas tradicionais de habitar e de convivir co territorio. Así acontece coa vida nun arrabalde de Compostela, onde atopamos a varias mulleres que loitan contra o día a día e que se opoñen a esas persoas anónimas que se trasladan a vivir aos chalés acaroados que se sitúan na zona próxima. As vivencias miúdas das protagonistas conviven no relato coas reflexións que a autora pon na boca de elementos estáticos como os muros, as marquesiñas, ou as paredes dese barrio que destacou sempre pola convivencia entre a veciñanza e que pouco a pouco, e de forma case inevitable, perde a súa esencia.

Deixádenos remar lese coma unha reivindicación da forma de ser e de convivir das pequenas vilas en oposición a esa tendencia uniformadora da globalización e dos que teiman en construír bloques de vivendas iguais e sen ningún control. Ese humor que é a peza clave da obra combínase coa crítica social que a autora lanza en moitas das páxinas desta obra, coa que logra chegar a todo tipo de lectorado: ao máis concienciado e preocupado polo territorio e ao que só busca pasar un rato agradable coa lectura.

«Non deixo de abraiarme ante o prudente e coidado uso que se fai das palabras. Axuda para as tarefas domésticas. Cambian os tempos e cambia a maneira de dicir as cousas, mais os traballos seguen a ser os mesmos. Na época da avoa dicíase poñerse a servir nunha casa. Nos tempos da mamá dicíase poñerse a traballar nunha casa. Agora dise traballar de empregada do fogar. Agás que sexas unha ricacha con apelido de marquesa acabada de chegar de Madrid, que entón podes dicir toda tesa e toda digna: axuda para as tarefas domésticas. Pero é o que é, unha criada de toda a vida e iso é o que vén buscar aquí esta señora estirada».

A escrita de Cabaleiro destaca, así mesmo, pola contención, por expresar moito en poucas palabras, e por capturar un estilo que mestura as novas formas narrativas coa querenza pola terra e, concretamente, polas nosas nais, tías e avoas, que son as que atesouran a sabedoría popular, os refráns, as expresións, as formas de vivir e as tradicións que nos fan diferentes como pobo. A elas, creo, vai un pouco dedicada este Deixádenos remar, aínda que tamén se podería ler coma un paso adiante para as novas xeracións.

Ficha técnica

Título: Deixádenos remar

Autora: Ana Cabaleiro

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2021

Número de páxinas: 145

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Un comentario sobre “«Deixádenos remar» de Ana Cabaleiro

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.