Entrevista Iria Pedreira Sanjurjo: “A tradución é un traballo que permanece na sombra e que a miúdo se entende coma unha tarefa subsidiaria”

Semana da Tradución

Cando parece que unha parte da sociedade quere eliminar a filosofía e o coñecemento das linguas clásicas dos currículos, aínda existen, por sorte, persoas que teiman en non deixar morrer o noso pasado, porque del depende o futuro. Iria Pedreira Sanjurjo, graduada en Filoloxía Clásica pola Universidade de Compostela, é un destes exemplos, pois especializouse en lingua e literatura gregas, no teatro grecolatino e na tradición clásica. A súa formación permitiulle levar adiante a súa tese, que leva por título Recepción, interpretación e adaptación dos clásicos grecolatinos na literatura dramática galega.

Como tradutora é a responsable da primeira tradución ao galego dos Caracteres de Teofrasto, unha das obras fundamentais da literatura grega do Período Helenístico, na Colección Vétera de Rinoceronte Editora. Recentemente, esta mesma editorial acaba de sacar do prelo Ión e Ciclope, de Eurípides.

Dende 2018 colabora na sección literaria da revista dixital Balea Cultural, e tamén é autora do proxecto Ferreñas e Rock’n’Roll. Anecdotario sobre músicas galegas no que traballa conxuntamente con Laura Romero, e que deu orixe a un libro publicado por Baía Edicións.

Pregunta (P): Es filóloga, crítica literaria, escritora, mais, como te fixeches tradutora?

Pois foi unha ocupación que, dalgún xeito, xa ía no lote completo, dado que todas as filólogas clásicas temos contacto coa tradución dende que comezamos co noso proceso formativo. A aprendizaxe de linguas de corpus coma o latín ou o grego antigo adquírese en boa parte grazas ás traducións de textos antigos que temos que realizar case dende o primeiro momento e iso fai que teñamos unha experiencia e unha rodaxe ao inicio mesmo da carreira. Mais isto é unha cousa e outra poder facer traducións literarias e máis profesionais para seren publicadas, e eu cheguei a facer este tipo de traducións por un feliz accidente ao coñecer a algunhas das persoas que xa formaban parte do equipo da Colección Vétera de Rinoceronte Editora.

(P): Pódese vivir da tradución na Galiza? E En España?

Esta sería a resposta curta: definitivamente, non. Descoñezo as circunstancias que atinxen á profesión no resto do estado, mais si que estou un pouco máis familiarizada coas do sistema galego e non, non permiten unha dedicación exclusiva á tradución. Polo menos á tradución de textos gregos antigos, que é a parcela na que eu traballo. E, malia todo, debo considerarme afortunada, pois os títulos que publiquei con Vétera contaron sempre con algunha das axudas á tradución convocadas pola consellería de cultura, feito que posibilita unha retribución económica por adiantado superior á que se recibiría se dependese exclusivamente das vendas. Mais isto é unha lotaría e, evidentemente, a precariedade é un mal que afecta e moito a este traballo.

(P): Hai uns anos xurdiu una iniciativa no estado español baixo o lema #CitaAlTraductor, que pretendía dar visibilidade ao traballo das tradutoras e tradutores. Cres que a sociedade é consciente do voso labor e da súa necesidade?

Coido que non, que o público en xeral que accede á literatura traducida non coñece nin valora o proceso polo que esa obra procedente doutro sistema literario (e pode que tamén doutra época) chegou á lingua meta para que puidese ser lida e gozada tamén entre nós. O da tradución é un traballo que case sempre permanece na sombra e que a miúdo se entende coma unha tarefa subsidiaria, por iso se aprecian un pouquiño máis as obras traducidas por grandes figuras autorais como poden ser Aquilino Iglesia Alvariño, Carlos Casares ou Xela Arias ao tempo que se ignoran as contribucións daquelas tradutoras que se entregaron a esta profesión “a tempo completo”. A tradución literaria non só é unha mediación necesaria, senón que implica tamén creatividade e compromiso, maxime nun sistema coma o galego, no que aínda a día de hoxe se observan eivas repertoriais. Mais, con todo, para algunha xente semella que os libros aparecen traducidos case como por arte de maxia.

«Futuro haino e seguirá habéndoo mentres haxa unha diversidade lingüística que xustifique o noso traballo, de modo que, nese sentido, o oficio seguirá e perduraremos».

(P): Que podemos facer dende a sociedade para axudar na visibilización?

Sería bo comezar por abandonar certo tipo de humor que, polo que puiden comprobar, é bastante popular e non ten reparo en insinuar que as tradutoras botamos man do google Translate ou copiamos as traducións feitas por outros. Parece unha parvada, pero este tipo de brincadeiras reflicten ata que punto se infravalora o noso traballo e se rebaixa a súa importancia, pois dan a entender é un traballo moi doado, que podería facelo calquera cuns poucos medios tecnolóxicos ao seu alcance e que non ten sentido emitir nin a máis mínima queixa sobre el. Así que, dende aquí lanzo unha petición a determinadas persoas, por favor, deixen de facer chistes con isto. E xa poñéndonos un pouco máis serias, para visibilizar o traballo das tradutoras o primeiro que hai que facer é citalas sempre que se fale de literatura traducida, nunca esquecelas nin menosprezalas, aínda que o seu nome apareza en pequeniño ante o dun autor ou dunha autora eminente. E, por suposto, intentar amosar interese polo traballo en si, intentar coñecer un pouco máis as circunstancias ou dificultades que forman parte do proceso para poder comprendelo e respectalo.

(P): Como afrontas a tradución dun libro? En que momento comeza o teu traballo?

Unha vez seleccionado o texto, o primeiro é velo e saber ao que te enfrontas, ver a súa extensión e comezar a lelo para valorar os posibles problemas que poidan xurdir. Por outra banda, debes valerte de varias edicións ben anotadas para poder contrastar os criterios dos diferentes editores que prefixaron o texto orixinal en épocas pasadas. Este é un aspecto fundamental cando falamos de traducir dende unha lingua coma o grego antigo, pois dela chegaron a nós non poucos testemuños escritos con lagoas, interpolacións posteriores e outros problemas que poden dificultar a interpretación do mesmo. Hai que traballar sempre con dicionarios e gramáticas á túa beira (cantos máis, mellor) e non só de grego antigo, senón que tamén hai que ter bos dicionarios de galego e mesmo doutros idiomas (ao cotexar diferentes edicións do texto, é frecuente que os estudos preliminares e as notas estean en inglés, francés ou italiano, de modo que tamén hai que poder defenderse ben con outras linguas). E despois, tes que ir palabra por palabra, oración por oración, contemplando case todas as posibilidades que a morfoloxía, a sintaxe e a semántica che permiten para poder dar forma á túa propia proposta de tradución. É un traballo arduo, lento e moi minucioso que pode manterte na cadeira durante horas para unhas poucas liñas de texto, co cal, tamén cómpre armarse de paciencia e moito agarimo polo traballo que se está a realizar. E, xa por último, non se pode descoidar a revisión do texto, que, malia ser a tarefa máis pesada do proceso, é unha das máis cruciais para que o resultado sexa óptimo.

(P): Que libro che gustou máis traducir? E o que máis che custou?

Coido que ambas preguntas se responden co mesmo libro: a tradución de Ión e Ciclope de Eurípides que veño de publicar na Colección Vétera de Rinoceronte Editora. Eurípides é un dos meus autores favoritos de todos os tempos, foi o autor tráxico máis adiantado ao seu tempo (e un dos máis incomprendidos en vida) e deu para a posteridade pezas que seguen sendo verdadeiras alfaias literarias en calquera época e lugar. Para min era importante que se puidese ler a obra deste autor en galego, e non dubidei en propoñer unha das súas traxedias máis descoñecidas e o único drama satírico que se nos conserva íntegro (tamén da súa autoría) para vertelos á miña lingua. E foi unha experiencia moi satisfactoria, que me achegou aínda máis a el e que gocei moito. Mais tamén foi, ata o momento actual, o libro que máis me custou traducir porque a traxedia como xénero entraña unha serie de dificultades no plano formal que non existen noutras categorías xenéricas como, por exemplo, a composición en verso e as partes máis puramente líricas do coro.

«Temos a sorte de ter na nosa terra un grupo de editoras especializadas en literatura traducida (ou que apostan decididamente por ela) que contan con grandes profesionais da tradución e que cada ano dá ao prelo obras magnificamente vertidas á nosa lingua».

(P): Algunha vez afrontaches unha experiencia como tradutora que non che prestase?

No eido profesional, ningunha. De momento, todas as malas lembranzas que podo ter da tradución remóntanse á miña época de estudante, cando tiñas a obriga de traducir autores que non te motivaban.

(P): Estás especializada en lingua e literatura gregas, no teatro grecolatino e na tradición clásica. Como defender estas disciplinas nun mundo cada vez máis tecnocratizado e que fai de menos as letras e a cultura?

Fixéronme moito esta pregunta ultimamente, talvez isto xa sexa un síntoma en si mesmo de que as cousas están cambiando no que atinxe á percepción da tradición clásica no mundo contemporáneo. Mais eu sempre digo que hai algo que se me escapa, porque, por unha banda, o desprestixio das humanidades (e da filoloxía clásica en particular) é unha constante xa no propio sistema educativo, no que se busca o seu exterminio controlado en todos os niveis do ensino medio; pero, por outra banda, autoras como Irene Vallejo dan ao prelo auténticos (e premiadísimos) éxitos de vendas que falan precisamente destes temas. Eu vexo certa hipocrisía, pois o recurso a determinados motivos do mundo clásico segue sendo para moita xente unha forma de verse nun nivel cultural superior con respecto a outros (e iso parece un valor en alza no escaparate eterno no que tornou o noso mundo dende que existen as redes sociais) pero, por outra banda, non consideramos o coñecemento das linguas clásicas como realmente “útil”, “práctico” ou “válido” para encarar os desafíos que afectan á sociedade actual. E, francamente, eu teño a impresión dende que comecei a carreira de que temos que defendernos e demostrar que merecemos existir constantemente. Sempre temos que xustificarnos cando a nosa propia disciplina se xustifica por si mesma, o problema é o desprezo xeralizado que hai cara o valor do coñecemento e do saber en si mesmo mentres se enxalzan outro tipo de destrezas que, sen que estean de máis, non contribúen do mesmo xeito a edificar un pensamento crítico e responsable. Con todo, sempre seremos necesarias alí onde haxa un legado que preservar e por iso coido que é tan importante esforzarnos en facer un traballo de divulgación significativo, saír da comodidade do “gueto” e difundir os resultados dos nosos estudos e investigacións, darlle sona á nosa disciplina e darlle a merecida importancia aos nosos logros.

(P): En 2017 publicaches a primeira tradución ao galego dos Caracteres de Teofrasto, unha das obras fundamentais da literatura grega do Período Helenístico, e recentemente Ión e Ciclope de Eurípides, ambas na Colección Vétera de Rinoceronte Editora. Que supón para ti traducir obras tan necesarias á nosa lingua e como foi o proceso?

Por riba de todo, unha gran responsabilidade, pois, ao ser a primeira en verter estes textos concretos ao galego, notas unha certa presión. E, no meu caso, que adoito ser perfeccionista e moi esixente comigo mesma en todo o que fago, sempre tiven comigo esta idea: que o meu traballo estivese á altura, tanto á altura da confianza que se depositara en min como á altura dos autores que estaba traducindo. Iso non quere dicir que non gozase do proceso. Con Teofrasto brindóuseme a oportunidade de coñecer un autor que non figura nos curricula (nin sequera nos universitarios) pero que é unha das figuras máis interesantes da filosofía e a literatura gregas. E Caracteres é unha obra que non me canso de recomendar, pois resistiu moi ben o paso do tempo e apenas perdeu vixencia e actualidade no seu mordaz retrato dos pequenos vicios do ser humano, sendo un texto moi ameno de ler aínda que fose escrito hai moitos séculos e ao que calquera pode acceder con independencia da súa formación ou das súas filias. No caso de Eurípides, é obvia a miña admiración e total devoción pola súa obra tráxica, a que mellor se nos conservou de todos os dramaturgos da Grecia Clásica, e redescubrir tanto Ión como Ciclope facendo este traballo supuxo unha gran satisfacción para min.

«A precariedade é un mal que afecta moito a este traballo».

(P): Moitos profesionais da tradución destacan sempre que deben estar ao día de todos os cambios das linguas e ler moito. Que consellos lle darías a unha persoa que se quere dedicar a isto da tradución?

Teño que dicir que non me gusta moito dar consellos, dado que non me considero o suficientemente experimentada neste oficio como para exercer ese tipo de autoridade, todo o contrario, sigo aprendendo día a día e non perdo esa ilusión por coñecer cada vez mellor este traballo. Mais, coa miña escasa experiencia, si creo que a vocación, a perseverancia, o rigor e o compromiso son catro elementos moi importantes á hora de realizar este labor.

(P): A que persoas do mundo literario e da tradución admiras?

Esta si que é unha pregunta que, para min, carece de resposta curta. Son moitas as personalidades literarias e as grandes obras que me marcaron e me influíron. Evidentemente, a literatura grega (en particular, a traxedia grega) apaixóname, e lembro nitidamente a primeira vez que lin grandes clásicos como Crime e castigo de Fiódor Dostoievski ou Orgullo e Prexuízo de Jane Austen, que alicerzaron o meu gusto pola literatura e tamén pola literatura traducida á miña lingua, pois puiden acceder a elas en galego hai xa quince ou dezaseis anos. Mesmo no caso da literatura distópica, pola que tamén sinto unha especial predilección, puiden ter unha primeira versión da obra de George Orwell ou Evgenii Zamiátin no noso idioma. Obras máis recentes como Natura de Iolanda Zúñiga, Besta do seu sangue de Emma Pedreira ou Carrusel de Berta Dávila están entre as miñas favoritas e fixeron que me interesase aínda máis polas traxectorias das súas autoras. E, por suposto, non podo entender a miña vida nin a miña relación co feito literario sen a obra de Manuel Lourenzo, un dos dramaturgos que mellor entendeu a tradición clásica e un dos que mellor a trasladou ao noso teatro e a transformou e reconverteu para a nosa cultura. Respecto ao eido da tradución, toda a xente que contribúe coas súas traducións á Colección Vétera e a outras coleccións de Rinoceronte Editora fai un traballo espléndido polo que sinto un profundo respecto e admiración. Mais non só “na casa”, xa que temos a sorte de ter na nosa terra un grupo de editoras especializadas en literatura traducida (ou que apostan decididamente por ela) que contan con grandes profesionais da tradución e que cada ano dá ao prelo obras magnificamente vertidas á nosa lingua. E falo de selos coma Irmás Cartoné, Hugin e Munin, Kalandraka ou Hércules de Ediciones (entre outras), que posúen catálogos interesantísimos e nos que sempre se atopa algo ao que paga a pena achegarse.

(P): Na actualidade, a industria editorial galega destaca por traer obras clásicas e contemporáneas do mundo á nosa lingua. Como ves o sistema editorial galego? Que obra botas en falta nos catálogos?

Coido que o sistema editorial está respondendo ás demandas a pesar das obvias dificultades. Como xa adiantei, contamos con selos editoriais que están facendo un labor extraordinario no que atinxe ao traslado ao galego de obras producidas noutras linguas, de todas as épocas e de todos os sistemas literarios, e hai un lectorado que responde, talvez non dun xeito masivo, pero que si está contribuíndo a ampliar a base do consumo literario en galego. Claro que queda moito por facer, tanto na ampliación do repertorio como no que ten que ver coa recepción deste mesmo repertorio, e mesmo as propias tradutoras deberiamos intentar “vendernos” máis e mellor, e promocionar os nosos traballos valéndonos de todas as plataformas e altofalantes ao noso alcance. En canto aos títulos que podo botar en falta nos catálogos, volvo mirar un pouco polo meu eido e direi que xa só de Eurípides queda moito por traducir á nosa lingua.

«Para visibilizar o traballo das tradutoras, o primeiro que hai que facer é citalas sempre que se fale de literatura traducida, nunca esquecelas nin menosprezalas».

(P): Como ves o futuro da profesión de tradutora?

Non sei como contestar atinadamente esta pregunta. Futuro haino e seguirá habéndoo mentres haxa unha diversidade lingüística e cultural que xustifique o noso traballo, de modo que, nese sentido, o oficio seguirá e perduraremos. Agardo, iso si, que aqueles obstáculos ou desvantaxes que determinan a precariedade desta ocupación desaparezan, e que mesmo unha humilde tradutora de textos gregos antigos ao galego coma min poida dedicarse por enteiro a esta actividade profesional tan emocionante.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.