“A froita do coñecemento” de Liv Strömquist

A reflexión e o pensamento feminista están chegando a nós de múltiples formas: en libros, en filmes, en camisetas etc. Mais quizais a forma máis interesante é a da banda deseñada ou os albums ilustrados, pois conseguen atrapar a públicos moi diversos. Ademais, no marco de normalización dunha lingua é importante que se traian obras doutras linguas que traten temas de interese social e de actualidade. Estas duas máximas cúmpreas A froita do coñecemento, un libro ilustrado de Liv Strömquist que colleitou moito éxito dende o 2014 e que vén de publicarse en galego grazas a Catroventos Editora e a tradución de David Á Álvarez Martínez.

A froita do coñecemento é un libro co que rimos moitísimo ao tempo que aprendemos sobre feminismo e, concretamente, sobre a sexualidade das mulleres e o que o patriarcado fixo ao longo da historia por silenciala, por ocultala. A vulva é a froita do coñecemento da que parten todas as historias deste libro, que é coma un colorido mosaico que conta experiencias dende a Bela Dormente ou deusas hindús ata as cazas de bruxas, o pensamento de Freud… A partir do que aquí se conta establecemos unha relación entre a sexualidade feminina e a súa visión androcéntrica, é dicir, que as mulleres e os seus corpos sempre foron mal analizados polos homes, que se creron sempre donos delas.  Así, por exemplo, dedícase un apartado aos moitos nomes que se poñen para referirse á cona, case coma se fose unha vergoña. Xa sabedes que hai máis palabras para falar eufemisticamente dela ca terminacións nerviosas ten o clítoris. E senón, pensade nas que dicides vós…

Fálase moito dos mitos, dos tópicos, e do que a historia manipulou os corpos femininos. Así, case todo parte de considerar o órgano sexual feminino como ausencia de algo, ausencia do pene, unha teoría que parte do pensamento freudiano, e que desemboca nun suposto anhelo das mulleres, as cales desexan ter os labios xenitais canto máis pequenos mellor, en oposición aos homes, que se valoran case polo tamaño dos seus penes.

Estamos diante dun libro con moitas reflexións, que vos prestará moito coñecer, como a da regra. Xa sabedes que a sociedade obríganos ás mulleres a estar limpas, e a facer todo o posible porque a regra non nos afecte no noso día a día. Isto obsérvase nos anuncios das compresas, con mensaxes do tipo “síntete limpa e libre”, dando a entender de forma clara e evidente que a regra equivale a sucidade. Ante iso, cabe que nos preguntemos, que sociedade estamos construíndo? Realmente todo o que hoxe padecemos é froito de séculos e séculos de estudos patriarcais, centrados nos corpos dos homes e sen o amago de comprender os das mulleres.

A froita do coñecemento concíbese, pois, coma unha volta necesarias ás orixes, unha razón pola que comprender as desigualdades sociais e ante a que enchernos de argumentos para propoñer unha revolución: a de falar nós mesmas dos nosos corpos, a de ser capaces de pronunciar a palabra ‘cona’ sen avergonzarnos, e a de ser as donas de nós mesmas.

Ficha técnica





Título: A froita do coñecemento

Autora: Liv Strömquist

Tradución: David Á. Álvarez Martínez

Editorial: Catroventos

Ano de publicación: 2021

Número de páxinas: 143

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.