“A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira”, de Montse Fajardo

“Se algo ensina a biografía de Virxinia Pereira é que a vida é un camiño incerto”. Así define a xornalista Montse Fajardo a forma de estar no mundo dunha muller que fixo moito pola cultura galega e as ideas republicanas, e da que poucos coñecemos a súa importancia. Coñecida sobre todo por ser a dona de Castelao, Virxinia Pereira foi unha muller polifacética que loitou moito soa sobre todo cando o seu home comezou a andaina política, que os levaría ao exilio despois de que impactase o golpe de estado naquel verán fatídico de 1936.

Consciente de que aínda existen moitas mulleres agochadas tras a sombra dos seus maridos, a autora vilagarciá reconstrúe a vida de Virxinia Pereira no libro A vida incerta, que foi editado polo Concello de Pontevedra, que tamén aprobou recentemente o nomeamento dunha rúa da cidade co nome desta muller que precisamos recuperar, sacar dese esquecemento. Porque xa sabemos que a historia teimou sempre en ocultar o traballo das mulleres, en poñelas sempre detrás dos homes, e en facer que elas tivesen que renunciar a cumprir os seus soños para servir aos intereses deles. Así lle aconteceu un pouco a Zenobia de Camprubí, casada con Juan Ramón Jiménez, ou mesmo a María Teresa León, que compartía a súa vida con Rafael Alberti. E cando eles querían ser xenios, elas simplemente se ocultaban e se situaban nun segundo plano. Así é un pouco a vida de Virxinia, malia que desempeñase unha gran labor na recuperación do traballo de Castelao tras a morte del no exilio e puxase forte para que o Museo de Pontevedra adquirise parte do traballo deste como ilustrador.

A pesar de ser unha muller forte, valente, que tivo que enfrontar a morte prematura dun fillo, Virxinia ficou esquecida, eclipsada por Castelao, e sen que o conxunto da cidadanía se preguntase pola súa existencia. A súa vida, con todo, non foi baleira, tal e como a describe Alfonso Fidalgo Pereira, o seu sobriño, nun artigo publicado en La Voz de Galicia no 1986, no que di:

“Non asumiu o papel conformista de esposa resignada e dócil á sorte do seu compañeiro. Lonxe diso acometeu unha participación activa en gran número de actos e manifestacións públicas nos que lle era dado intervir. Así foi durante a vida de Castelao e logo de morto”.

O libro de Montse Fajardo contén moito material bibliográfico, fotografías de Castelao e de Virxinia, fragmentos de cartas que compartía con pensadores da época, como Otero Pedrayo ou Valentín Paz Andrade, e mesmo ilustracións que Castelao realiza dela. O foco está posto en Virxinia Pereira, e toda a análise se constrúe en base a ela, que foi o cometido principal desta publicación coa que Montse Fajardo segue investigando na recuperación da figura das mulleres, traballo que xa levou a cabo con gran humanidade e humildade en Matriarcas, Un cesto de mazas ou Invisibles. Relatos do maltrato. O que ela pretende é achegar luz, facer que as mulleres falen coa propia voz e que deixen de ser explicadas polos homes. Visibilizar. Bonita palabra que cada día adquire maior importancia.

“E aínda nese falar conxunto, non se botaba en conta que, sen o esforzo de Virxinia, sería complicado que Castelao desenvolvese de xeito tan abraiante as súas facetas política, intelectual e artística. Non só porque lle recortara cartóns para enfocar a vista cando avanzaba a cegueira, ou porque lle prestara os ollos para que fosen proporcionais as mans dos negros de Nova York ou as dos mortos dos álbums de guerra. Sen ela ocupándose do cotián, de que houbese de comer nos tempos de miseria ou de facer maletas, el tería máis difícil traballar sen pausa pola Terra. Nin sequera se lle gaba moito a teima por cumprirlle a vontade malia que, sen ela, o Museo de Pontevedra non contaría hoxe con tan importante legado”.

Ficha técnica

Título: A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira

Autora: Montse Fajardo

Ano de publicación: 2020

Edita: Concello de Pontevedra

Número de páxinas: 309

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios .