O proceso creativo de… Berta Dávila

Debuxo de Berta Dávila sobre si mesma

Podo dicir, sen medo a equivocarme, que Berta Dávila é unha das grandes voces da narrativa galega actual. Nada en Santiago de Compostela en 1987, é autora de poemarios como Corpo baleiro (2007) e Raíz da fenda (2013, Premio Johán Carballeira, Premio da Crítica española, Premio da AELG). No eido da narrativa, iniciouse con Bailarei sobre a túa tumba (Premio Biblos de Novela, 2008), á que seguiu o libro de relatos A arte do fracaso (2010), e o máis exitoso O derradeiro libro de Emma Olsen (Premio de narrativa breve Repsol e Premio da Crítica 2013), que recentemente acada de estrearse na banda deseñada da man de Pablo Prado. A súa última novela é Carrusel, que conseguiu o Premio da Crítica 2019 e proximamente publicarase Illa Decepción, coa que volve gañar o Premio de Narrativa Breve Repsol.

“Alguén me dixo unha vez que a escrita literaria é un estado de ánimo. Seguramente non sexa así para todo o mundo, mais creo que podería funcionar como concepto para o meu caso.

Habitualmente non sei ben como nace unha novela, ou non o sei no momento no que de verdade nace, senón bastante despois, cando se impón. Daquela podo dicir: esta novela vén de alí, de aquel día, de aquel minuto exacto no que me sentín emocionada coa idea de erguer un proxecto literario arredor disto que agora agroma. É algo que adoita pasar fóra da rutina e, despois, invádea por completo. Aínda que non sempre é así, o xerme está no extraordinario, no que escapa do trivial só brevemente, nesa pequena película de estrañeza que se pousa sobre o común ou nunha certa vontade de observala.

As ideas para unha novela nunca chegan ata min en forma de argumento ou de historia, senón en forma de imaxe concreta, de concepto ou de impresión. Todo isto que me ocorre coa narrativa ten que ver, creo, co feito de enfrontar a escrita literaria en xeral desde unha especie de cabeza de poeta, cando menos no que se refire a como se conciben os textos. A trama ou o argumento son cousas que logo teño que buscar, pero a idea non é algo que acontece, non é unha acción, senón un obxecto en si mesmo ou un lugar. Tampouco chegan nunca, estas ideas, xa formadas. Con frecuencia son como un ovo inmaduro que hai que incubar durante moito tempo. Constrúolle un niño a medida con pequenos fragmentos de material que veñen de moitas partes distintas, e que eu acumulo, algunhas veces como notas escritas. Usei a palabra construír porque se relaciona co xeito que teño de traballar. É necesario para min medir, facer mapas, bosquexar, levantar unha andamiaxe bastante precisa do que o libro vai ser e da súa estrutura. Todo isto configura un documento que chamo “escaleta”. É un documento de texto que adoita corresponderse, aproximadamente, cunha décima parte da extensión da novela.

Fago moitas versións. Da miña última novela hai quince. Nela anoto a sucesión de cousas que vou contar. Ás veces, mentras as anoto, noutro documento á parte, que chamo “materiais”, escribo algúns apartados, que se suman ás notas que tomara previamente. Concluída a incubación, gozo moito do proceso de escrita, que é intenso. Ás veces fago modificacións de pouca importancia na escaleta, pero en realidade escribo un pouco coma se lese, escrito por outra persoa, o libro que proxectei, coa sensación de o libro está xa feito nalgún lugar e o meu cometido é atopar as palabras axeitadas, as que deben ser. Non inventalas senón, pola contra, adiviñar cales son as correctas e entregarllas.

Creo que o meu proceso de escrita é profundamente práctico, un pouco obsesivo, marcado pola necesidade de control completo sobre o traballo. Tamén creo que, fóra destes marcos que se repetiron en diferentes libros, o proceso sentido é distinto para cada proxecto, como o son os coidados que precisa cada ser vivo, aínda que sexa da mesma especie que outro“.

Ilustración da autoría de Berta Dávila representándose a si mesma.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios .