Tecermos redes, crearmos comunidade. Estudos sobre a obra de María Reimóndez

A escritora e activista galega María Reimóndez

Se queremos aprender sobre compromiso, feminismo, diversidade, ecoloxía e, en definitiva, sobre a xustiza social, en Galiza temos o referente de María Reimóndez, unha muller polifacética que leva os eses valores a todo o que fai na vida, ben sexa como escritora, como tradutora ou intérprete ou como activista dos dereitos humanos. Diante dunha muller tan boa e xenerosa, que nos ensina a exercer o compromiso sen medos, eu penso na necesidade que temos como sociedade de reivindicar e agradecer ás persoas vivas que nos empuxan a sementar conciencia e a crear unha vida máis xusta. Dese agradecemento compartido nace Tecermos redes, crearmos comunidade, un libro coordinado por Ánxela Lema París e Andrea Nunes Brións no que conflúen diversos estudos sobre a obra de Reimóndez a cargo de estudosas da lingua ou doutros ámbitos. Por aquí atopamos voces como Alba Cid, Antía Marante, Charo Lopes, Eli Ríos, Fernanda González Briones, Lara Dopazo Ruibal, Maria Boguszewitcz, María Rosendo, María Vilariño Suárez, Mariña Fernández Reino, Mercedes Queixas Zaas, Natàlia Oriol Fuguet, Neil Anderson, Patricia Mateo, Rosalía Fernández Rial, Sabela Pena García e Xoán López Viñas.

O libro é, pois, unha colleita e unha análise abondosamente completa do que é a obra de María Reimóndez, ateigada de moitos títulos entre narrativa para adultas, poesía, historias infantís ou ensaios, e que se le coma un todo no que converxen as mesmas ideas de raíz, coas que a autora luguesa expresa o seu compromiso ante o mundo e a posición liberadora que, para ela, debe ter a literatura. Neste senso, din as coordinadoras no limiar que “é preciso compartir obras e lecturas ppara crearmos comunidade” e que “a escrita desta autora vai na liña dun mundo mellor, dun mundo desposuído de inxustizas, solidario e feminista”. Alén destes obxectivos, os diversos estudos aquí compilados nacen dunha profunda querenza das autoras pola propia obra e biografía de Reimóndez, e así o deixan entrever moitas delas a través das súas apreciacións. Así, Maria Boguszewicz lembra que “unha das moitas cousas que aprendemos das conversas con María Reimóndez é que sempre hai que falar dende un lugar incómodo”, ou como expresa Antía Marante, “o compromiso percorrerá transversalmente a obra de Reimóndez con independencia dos xéneros cultivados ou do seu lectorado potencial”.

Este libro, que se encadra nos estudos críticos que publica a editorial Xerais, lese como unha continuación de todo o universo de María Reimóndez, e por iso é unha lectura ideal para as persoas que coñecemos en maior ou menor medida a esta autora. Recoñezo que gocei moito desa sensación de atopar personaxes ben queridas e de descubrir outras dende diversas olladas. Con artigos máis teóricos e outros máis prácticos e aplicables ao traballo nas aulas, Tecermos redes, crearmos comunidade resulta imprescindible como consulta e supón todo un traballo arredor dunha das escritoras máis potentes da literatura galega.

Persoalmente, e aínda que todos os artigos me achegaron coñecementos, foi toda unha experiencia ler o experimento literario de Charo Lopes, quen volve contar as vidas das mulleres que protagonizaran a inesquecible O club da calceta, unha das novelas máis recoñecidas da narrativa de Reimóndez. E é que a literatura non pode deixar xamais atrás as emocións.

Ficha técnica

Título: Tecermos redes, crearmos comunidade. Estudos sobre a obra de María Reimóndez

Coordinadoras: Ánxela Lema París e Andrea Nunes Brións

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2020

Número de páxinas: 236

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Un comentario sobre “Tecermos redes, crearmos comunidade. Estudos sobre a obra de María Reimóndez

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios .