Entrevista Susana González Lago, fundadora de Galemán Poesie: “O feminismo está presente na miña vida e sinto moita debilidade pola poesía das mulleres galegas”

Susana González Lago, fundadora de Galemán Poesie

Coñecín fugazmente a Susana González Lago no Festival Entreverbas, que se celebra anualmente na aldea de Cabreira, en Salvaterra de Miño. A raíz dese momento seguímonos nas redes e estreitamos uns lazos que soamente os libros poden unir. Aí, nesa rede invisible que une Galiza con Suíza, foi onde descubrín Galemán Poesie, a bitácora que ela fundou e na que se recollen poemas de autoras galegas traducidas ao alemán. Unha aposta moi persoal na que o feminismo e a fotografía adquiren unha importancia vital, pois son case como os fíos condutores desta poesía que ela descobre cada día dende a diáspora.

Contactamos con Susana González Lago para que nos explique brevemente en que consiste este fermoso proxecto e aproveitamos para celebrar con ela a poesía galega e a súa boa saúde. E, facendo miñas as verbas de Xurxo Souto, somos un pobo de artistas!

Pregunta (P): Como xorde a idea de levar a poesía galega contemporánea ao alemán? Cal é a semente?

Gustaríame poder contarche que era un proxecto que tiña en mente dende hai moito tempo, para que soara máis interesante, pero non é así. Comecei a traducir pola curiosidade de ver os versos escritos en alemán e descubrir como soan. Mentres traduzo teño a mente totalmente despexada, atopo moito sosego e así converteuse nun pasatempo. Decidín publicar as traducións co desexo de atopar xente coa que compartir experiencias.

(P): Cal é o proceso de escolla de poetas e poemas?

O proceso de escolla é moi persoal, as autoras que inauguran a bitácora son mulleres que admiro. Coas súas obras fun descubrindo a poesía e a literatura galega. Corazón e demais tripas, de Emma Pedreira, por exemplo, foi un dos primeiros libros galegos que lin. Os poemas escólloos segundo os meus gustos e valorando se estou capacitada para facer a tradución.

Galemán Poesie
Galemán Poesie

(P): As seis poetas que forman parte do proxecto, polo de agora, son todas mulleres. Entendo que hai unha reivindicación da literatura dende o feminismo, non é así?

Así é, o feminismo está presente na miña vida e a parte diso, sinto moita debilidade pola poesía das mulleres galegas. Por iso, non é casualidade que sexan todas mulleres. Teño pensado traducir tamén a autores, pero serán minoría. Galemán será un espazo con moita presenza feminina.

(P): As fotografías que acompañan os poemas adquiren tamén unha forte relevancia. Como xuntas as dúas disciplinas?

Hai imaxes que xurdiron, a raíz dos versos das autoras, moito antes de que comezara a traducir. Como é o caso do cuarto ou as colmeas, que acompañan os poemas de Míriam Ferradáns e Antía Otero. Outras son fotografías que fago por casualidade e considero se axeitan ao contido dos poemas. Entre as imaxes están as vacas do meu pobo, unha árbore de Berna, o peixe no mercado de Salceda de Caselas, ou a casa onde me criei, no barrio da Feira. Son a miña alegoría a idea de que a poesía nos acompaña durante toda a vida e fan que a bitácora, para min, sexa moi persoal.

(P): Tamén participas na organización do Festival Entreverbas, que se celebra na parroquia da Cabreira, en Salvaterra. De que forma contribúen estes festivais ao espallamento das nosas letras e, concretamente da poesía?

Si, colaborei co festival e estamos presentes coa Librería Dona, que levo coa miña amiga Raquel e as nosas respectivas parellas.

Os festivais son, sen dúbida, importantes divulgadores da poesía. Eventos como o Entreverbas ou o Poemagosto levan a cultura a lugares cotiás e mobilizan a un público moi variado. Demostran que a poesía pode estar nun bar, nunha panadería ou nun eido. Xeran unha marabillosa fusión entre versos e a vida común que convidan a mergullarse nas verbas.

Por outro lado, para persoas que seguimos as novas dende a distancia, son referentes a hora de elixir lecturas e descubrir nov*s autor*s.

(P): Creo que a calidade da poesía galega é suprema, sublime, inmellorable. Como o ves ti? Coincides con esta visión?

Concordo plenamente contigo. A poesía galega é unha delicia e somos afortunad*s de ter tanta diversidade poética.

(P): Lembras o momento exacto no que a poesía te tocou, no que descubriches o poder dos versos?

Si, lembro perfectamente o momento exacto. Pero é un recordo moi persoal e prefiro gardalo para min.

(P): Hai pouquiño tamén soubemos dos teus primeiros pasos como escritora. Podes falarnos desta túa nova faceta?

Escritora é unha verba moi grande e téñolle moito respecto.

É certo que escribín poemas, relatos e participei nalgún recital. Pero son só unha emigrante que intenta mellorar a lingua materna, mediante un curso vía internet, de escritora nadiña.

(P): Que obxectivos tes a curto e longo prazo co teu proxecto?

O obxectivo é seguir traducindo e que a lista de autor*s e poemas medre.

Se Galemán conseguise visualizar a poesía galega, fóra de Galicia, sería marabilloso. Encantaríame que chegase a emigrantes galegos, en países xermanofalantes, e poder compartir experiencias poéticas.

Pero de momento xa estou abraiada coa cantidade de visitas que está tendo a bitácora. Non esperaba tal resonancia nin tanto agarimo, estou inmensamente agradecida.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios .