A semente, a árbore, a froita

Ana Pontón e María Reimóndez

Adoro cando dúas ilusións semellantes se unen e forman algo fermoso. Por iso me encanta o libro A semente, a árbore, a froita, que se concibe coma unha conversa entre a escritora, activista, tradutora e intérprete María Reimóndez coa política galega e voceira do BNG, Ana Pontón. Nela atopamos a dúas mulleres loitadoras, cuns desexos enormes por mudar o mundo, por construír unha realidade feminista e que atenda a unha realidade de país.

Considero este un libro imprescindible, sobre todo porque consegue achegarnos á Ana Pontón máis próxima, e da súa boca coñecemos moitas das anécdotas que ateigan as súas vivencias e como estas inflúen notablemente na súa concepción política. Así, unha destas anécdotas, ou inxustizas, coa que seguro que moitas galegas do rural nos sentimos identificadas é cando conta o que lle aconteceu ao ser consciente desa diglosia que imperaba no lugar que habitaba, exemplificada na Igrexa. Así o conta Pontón:

“O mesmo sentido do abraio me pasaba coa Igrexa. A nosa casa familiar está xusto a carón da igrexa. Naqueles tempos había que ir á misa todos os domingos, era unha cuestión obrigatoria. A min sempre me chamaba a atención que o cura misase en castelán. Todo o mundo falaba galego, el falaba galego fóra da igrexa e logo ía darnos a misa en castelán. De feito, cando estabamos preparando a catequese, lembro que era unha das cuestións que comentabamos alí. Eu, con toda a inocencia, preguntáballe que por que non nos daba a misa en galego. Contestábame cunha explicación sui generis, que define tamén moi ben o xeito que a igrexa ten de ver os nenos e as nenas na Galiza: Así enténdenme mellor. E eu retrucaba: Como te van entender mellor se aquí toda a xente fala galego? Parecíame un disparate”.

Mentres avanzaba na lectura fun dándome de conta da necesidade que tiña desta entrevista longa, deste xornalismo que indaga nas causas e consecuencias, do que vai máis alá do día a día e nos fai reflexionar. Un xornalismo, que quede claro, no que se reflicte a honestidade e a crenza, tanto da entrevistadora como da entrevistada, nun mundo máis xusto. Un xornalismo afastado da obxectividade, sabedes por que? Porque precisamos estar do lado da xustiza e, aínda que a verdade absoluta non existe, sempre podemos tentar achegarnos dende a nosa posición aberta. Volve falar Pontón:

“Porque tamén é preocupante que en moitas ocasións se dea unha imaxe pesimista e negativa do propio país. Preocúpame isto porque non fortalece a autoestima, senón esa idea tan nefasta de que en Galiza non hai capacidade nin impulso”.

Gosto moito do título deste libro, sobre todo porque fai que sinta un certo orgullo, e que agrome en min a esperanza nun mundo ateigado de posibilidades, no que pode nacer outra Galiza, orgullosa da lingua, cun rural vivo e non deostado, cun forte apego á cultura de noso e coa vista posta nunha sociedade xusta e igualitaria. Ás veces vexo unha utopía, pero outras creo na posibilidade real. Por iso este libro é zume novo!

Ficha técnica

Título: A semente, a árbore, a froita. Ana Pontón en conversa con María Reimóndez

Autora: María Reimóndez

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2020

Número de páxinas: 113

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios .