Habitando historias. 10 experiencias arredor do libro e da lectura

Montse Muriano, coordinadora do libro "Habitando historias"

Somos criaturas con moita fame de letras e que atopamos explicacións ao mundo a través da palabra vivida. Permítome roubarlle estas expresións do limiar que Montse Muriano escribe para o libro Habitando historias. 10 experiencias arredor do libro e da lectura, no que se colleitan reflexións a cargo de diversas persoas do mundo do libro sobre o acto de ler e como formar novo lectorado. Estamos, pois, diante dunha publicación moi necesaria que toma o pulso a todo o que se está facendo no noso país a prol do fomento da lectura, ao tempo que nos achega debates ben interesantes que cómpre ter en conta.

O primeiro dos artigos está escrito pola mestra Ángeles Abilleira Bardanca, e nel explícanse algunhas fórmulas para conseguir novos lectores e lectoras, xa que ese é realmente o reto que temos por diante como sociedade. Ela di que “a educación precisa da lectura tanto como as plantas da auga” e que “facer nenas e nenos lectores é a nosa responsabilidade docente, a nosa obriga profesional, así como un dos nosos compromisos sociais”. Con estas dúas máximas por diante, esta mestra explica as técnicas para conseguir o “gancho lector”, que pasan polos profesionais da educación competentes e interesados na lectura, a construción e mellora de espazos de lectura nos centros que non sexan estancos, e as propostas de lecturas desinteresadas e puras, que activen o goce lector. En definitiva, Abilleira Bardanca fai súa esa reflexión de Daniel Pennac para destacar que ensinamos máis co exemplo que co discurso.

Patricia Carballal, partindo do libro Mulleres e poder de Mary Beard, tenta explicar os mecanismos de silenciamento da escritura das mulleres. Ela pregúntase o seguinte: se a palabra oral era das mulleres no pasado, por que ao escribila se perde esa autoridade? Reflexiona sobre o que aconteceu na Antiga Grecia e tamén na ría de Vigo coas Cantigas de Amigo de Martín Códax. Moitas das letras destas cantigas foran cantadas por mulleres cuxa autoría se perdeu no papel. E conclúe reclamando que “narremos contos, recuperemos a palabra oral, o idioma da infancia, ese que moitas veces tiña cadencias femininas. E fagámolo con toda a súa nudez ou mesturémola coas nosas historias de vida, que son o seu punto de partida no mundo”.

Continuamos coa voz de Paula Carballeira, recoñecida actriz e escritora galega, quen nos fala da necesidade de perder o tempo. Animar a ler consiste, precisamente, en ofrecer pequenas liberdades, actos revolucionarios e é neses tempos mortos cando este exercizo ten maior poder. Escribe Carballeira que “cando escollemos perder o tempo estamos a realizar un acto revolucionario” e tamén que “mirar unha persoa lendo é unha das imaxes que me transmiten máis placidez e beleza”.

Outra das persoas ás que máis ilusión me fai ler é Fina Casalderrey, unha das nosas autoras predilectas en literatura infantil e xuvenil. No seu artigo “Memorias de seducción” fálanos da importancia da biblioteca oral e da narración de contos na infancia, unha etapa prioritaria na promoción da lectura. Tamén abonda nesa idea da literatura como larpeirada, como premio, pois só así conseguiremos lectores e lectoras firmes e que non fuxan.

Sobre a promoción da lectura a través da escrita debate Francisco Castro, director de Galaxia, nun texto no que reivindica a necesidade de fomentar obradoiros de literatura e de creación escrita nas aulas como un mecanismo que fortalece a fantasía e fai que se enganche ao público lector.

Completan este libro as experiencias de Mercedes Cerdeiras Uría, quen escribe sobre a animación á lectura nas bibliotecas, Érica Esmorís, que conta a experiencia do club de lectura infantil “Perigosas criaturas, ou Andrea Maceiras, que centra a reflexión na importancia das redes sociais para a lectura no século XXI. Por último atopamos as lembranzas de Eva Mejuto sobre a creación do Salón do Libro Infantil de Pontevedra, e de Montse Pena Presas, que salienta a importancia do álbum ilustrado no xerme do novo lectorado.

En definitiva, estamos diante dun libro moi necesario, que pon o foco na necesidade que temos de construír un lectorado crítico e con capacidade para pensar. As experiencias recollidas amosan que é posible, que hai moitas persoas que están poñendo os seus esforzos ao servizo dun ben común: a lectura. Hai esperanza!

Ficha técnica

Título: Habitando historias. 10 experiencias arredor do libro e da lectura

Coordinación: Montse Muriano Rodríguez

Autoría: VVAA

Editorial: Galaxia

Ano de publicación: 2019

Número de páxinas: 196

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios .