Hôzuki

A literatura xaponesa sempre consegue engaiolarme, pois é posuidora dunha maxia que logra captar a nosa atención por esa mestura case perfecta entre esa parte máis triste e melancólica do ser humano e esoutra máis feliz. Hôzuki é unha novela de Aki Shimazaki que podemos ler en galego grazas ao bo facer da editorial Rinoceronte, que leva a cabo un traballo de recuperación de clásicos e de descuberta de libros actuais para traelos á nosa lingua.

Eu, que recoñezo xa a miña paixón polas obras xaponesas, fico aos pés desta novelaza que, coa súa brevidade, é quen de contarnos tantas cousas e de facernos reflexionar sobre o mundo máis íntimo das persoas. Posuidora dunha linguaxe entre a tenrura e a dureza, Hôzuki é desas historias que nos atrapan dende o comezo intrigante e que non podemos parar de ler ata que todas as pezas encaixan. Aínda que non pertence ao xénero policiaco, o certo é que ten doses de investigación e fainos dubidar de todo o que estamos lendo.

O argumento parte dunha visita desacougante que recibe Mitsuko, unha muller que rexenta unha libraría de segunda man especializada en obras filosóficas e onde pasa a maior parte do tempo acompañada da súa nai e do seu fillo xordomudo. Esa tranquilidade vese un día truncada coa visita dunha muller acompañada da súa filla pequena, coa que o neno de Mitsuko forxará unha amizade tan intensa que pon en perigo a paz vivida ata entón. A partir de aí, o lectorado verase somerxido nunha trama do máis suxestiva na que se ofrece unha reflexión profunda e tenra sobre a maternidade e os vínculos que se xeran entre as persoas, ademais do papel que xoga a casualidade nelas. No libro debátese sobre o amor no seu sentido máis amplo: e é que no nome deste sentimento, o ser humano é quen de cometer os actos máis noxentos e os máis xenerosos.

Gustárame frecuentar un home tan mergullado nas súas ideas. Shôji falábame con paixón do sentido da existencia e da vida. Eu lía todo o que el me prestaba e despois debatiámolo. A el sorprendíao o feito de que eu nin sequera terminase o instituto polas dificultades económicas, pero que nunca deixase de ler. Sempre tiven sede de coñecementos”.

A autora, que actualmente reside no Canadá, manexa á perfección os fíos do relato e practica unha das técnicas na que os escritores xaponeses máis destacan: o comezo do relato dunha forma e a súa mudanza en algo totalmente imprevisible e non agardado. De aí que as obras que xermolan do país nipón case sempre nos deixen cunha sensación de inquedanza interior, de tristura e ata dun certo aire de nostalxia. Así impactou en min esta novela que lin dunha soa sentada un destes domingos nos que me ergo e almorzo infusións e historias. Este é, pois, un libro inmellorable para eses días de coidado dunha mesma, non credes?

Ficha técnica

Título: Hozuki

Autora: Aki Shimazaki

Tradución ao galego: Moisés Barcia

Editorial: Rinoceronte

Ano de publicación: 2019

Número de páxinas: 111

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios .