Entrevista Fernando Miranda, da Libraría Miranda de Bueu: “O comercio local é o verdadeiro creador de vida nas vilas”

Fernando Miranda, da Libraría Miranda de Bueu

Co lema de “En Bueu, onde ía ser?”, a Libraría Miranda de Bueu (Pontevedra) leva xa corenta e un anos resistindo ao cada vez máis complicado oficio de vender libros. Pero esta pequena libraría da costa do Morrazo é moito máis ca iso, pois ao longo de todo o ano organiza abundantes actos literarios cunha gran acollida de público. Con eles demóstrase que é posible chegar ao global desde o local, e que os comercios son moitas veces os verdadeiros dinamizadores culturais das vilas e das cidades. Así o recoñece Fernando Miranda, quen xunto á súa sobriña Maribel Gallego, mantén este espazo en pé e reivindica o papel da sociedade no presente e futuro dos comercios locais.

Nun día tan especial coma hoxe, cando se celebra o Día das Librarías, non podía faltar o seu testemuño e a súa voz ateigada de emoción e de paixón pola cultura.

Pregunta (P): Como concibes o traballo diario na librería?

Primeiro, teño que aclarar que a librería é tamén quiosco de prensa, o que nos fai abrir ás 8 da mañá e traballar domingos e festivos. Isto réstanos tempo para dedicarlle aos libros, que é o que verdadeiramente me apaixoa.

(P): Os libreiros e libreiras teñen moitos retos por diante. Cales son, ao teu modo de ver, os máis urxentes?

Toda a sociedade vive un momento crucial para cada individuo e, especialmente, @s que nos dedicamos a vender, porque cambiou radicalmente a forma de facer as compras. No entanto, o libro é un produto especial que precisa de recomendacións, e aí é onde @s libreir@s temos que xogar o noso papel.

(P): Es un firme defensor do comercio local. Que vantaxes nos ofrecen os establecementos das nosas vilas con respecto ás grandes plataformas?

O comercio local é o verdadeiro creador de vida nas cidades e, sobre todo, nas vilas. Só fai falla ver o desanxelado que é un pobo dormitorio. Somos os comerciantes, xunto coa veciñanza, os que mantemos as distintas agrupacións socio-culturais e deportivas e tamén apoiamos as festas do pobo. E no caso das librarías, todas son vantaxes respecto ás grandes plataformas e nin sequera temos o inconveniente de vender máis caro porque o libro ten o mesmo prezo en todo o estado grazas á lei do libro.

“Mais as librarías estamos condicionadas ao apoio da nosa clientela, que é a que se debe preguntar: se o libro vale igual no xigante americano de internet, nunha grande superficie e na pequena libraría, non me é mellor darlle os cartos a quen me devolve parte coa organización de eventos para o goce das miñas crianzas?”.

(P): Nos últimos tempos estamos asistindo ao peche de moitas librarías. Como resiste a Libraría Miranda?

Resistimos grazas a 41 anos de existencia e á sorte de ter un local en propiedade e que os dous traballadores somos da casa, miña sobriña e máis eu.

(P): Desde hai uns anos organizas centos de presentacións e eventos literarios desde os máis pequenos ata os máis grandes. Que fai especial cada un destes actos?

Fóra do enriquecemento cultural que supón para a vila, a gratitude que nos mostra a nosa clientela é o verdadeiro motor que nos move a organizar estes eventos. En canto a que fai especial cada un deles, persoalmente levoume e segue levándome a coñecer a persoas que son moi interesantes, ademais de bos escritores e escritoras.

(P): En Bueu tiveron lugar presentacións multitudinarias como as dos libros de Nacho Carretero, Manuel Jabois, Domingo Villar, ou Monedero. Que supón para ti ser o ‘protagonista’ de que estes eventos tivesen acontecido nesta pequena vila mariñeira?

Non sendo o verdadeiro protagonista, si podo recoñecerme como o promotor e me supón unha gran satisfacción ver que se enchen locais en torno a un libro. Pero si é impresionante xuntar cincocentas persoas para escoitar a Nacho Carretero e a Morris, non o é menos ver máis de oitenta persoas arredor dun libro de poesía en galego escrito por unha veciña como Míriam Ferradáns.

(P): Polo que comentas, é posible entón chegarse ao global desde o local?

Si, claro. Para elo existe www.libreriamiranda.gal e tamén as redes sociais onde temos moit@s “siareir@s”, e entre elas/es moit@s “clientamig@s”.

(P): Supoño que como libreiro atesouras unha manchea de anécdotas curiosas. Lembras o episodio máis curioso que che acontecese na libraría?

Pois xa levo vinte e oito anos neste oficio, así que sería un traballo moi aburrido se non tiveramos anécdotas. Como acostumamos deseñar escaparates dedicados a libros en concreto entra moita xente a preguntar se vendemos artigos que son meramente decorativos. Por exemplo, cando presentamos El último pasajero de Manel Loureiro recreamos a portada do libro colocando un carriño de bebé no escaparate e unha señora entrou a preguntarnos se vendiamos paraugas para o devandito carro.
Este ano tivemos unha maqueta cedida por Piratas de Nabia que semellaba feita aposta para O último barco de Domingo Villar e foron moitas as persoas que se interesaron polo seu prezo.

“Resistimos grazas a 41 anos de existencia e á sorte de ter un local en propiedade e que os dous traballadores somos da casa, miña sobriña e máis eu”.

(P): Que factores tedes en conta á hora de recomendar a lectura dun libro?

Moitos, claro. Idade da persoa que vai ler, idioma que prefire (galego ou castelán), gustos persoais, últimos libros que leu…pero, por suposto, temos que recomendar un libro bo porque o máis importante non é vender ese libro senón que @ clienta/e quede content@ e volva mercar máis. Cousa que adoita pasar e que resulta moi gratificante, emocionalmente falando. Obviamente, non sempre acertamos.

(P): Como lector, que libros te marcaron?

Cando era neno, Las aventuras de Huckleberry Finn, de Mark Twain, e todo, todísimo Julio Verne. De máis novo Crónica de una muerte anunciada, de Gabriel García Márquez, descubriume a literatura latinoamericana e desde aí ata agora moitos. O último que me marcou de maneira especial, Infamia, de Ledicia Costas.

(P): Moitas persoas destacan o bo estado que vive actualmente a literatura galega. Coincides nesta apreciación?

Penso que temos xente na escrita que está ao mesmo nivel ou maior que o resto do Estado, e a proba está nos distintos premios nacionais que recaen na nosa literatura. O de Literatura Infantil e Xuvenil para a propia Ledicia Costas no 2015 e para Antonio Gª Teijeiro no 2017, ou o de Poesía que veñen de concederlle a Pilar Pallarés.

Fernando Miranda coa poeta bueuesa Míriam Ferradáns
Fernando Miranda coa poeta bueuesa Míriam Ferradáns

(P): Que papel xogan as pequenas librarías na formación de novos lectores e lectoras?

As pequenas librarías xogamos un papel fundamental así como as bibliotecas públicas e, por suposto, os centros escolares. Estes últimos (polo menos os centros públicos que eu coñezo en Bueu, Marín e outras localidades) deron un impresionante salto cualitativo desde a miña época de estudante. Dá gusto visitar as bibliotecas do IES Johan Carballeira, do CEIP Montemogos de Beluso, CEIP A Pedra, CEIP A Torre de Cela …
Mais as librarías estamos condicionadas ao apoio da nosa clientela, que é a que se debe preguntar: se o libro vale igual no xigante americano de internet, nunha grande superficie e na pequena libraría, non me é mellor darlle os cartos a quen me devolve parte coa organización de eventos para o goce das miñas crianzas?

“O libro é un produto especial que precisa de recomendacións, e aí é onde @s libreir@s temos que xogar o noso papel”.

(P): Tras un verán de moita actividade literaria, que nos ten programado Fernando Miranda para este outono-inverno?

A nosa gran sorte é que @s que xa pasaron por aquí queren volver a Bueu en canto sacan novo libro. Por iso xa podo anunciarvos a visita de Pedro Feijóo o 5 de decembro, a de Juan Gómez-Jurado o 13, a de Luís Davila o 14 e, aínda sen data, algún libro máis como Árbores que non arden do Proxecto Batefogo. E teremos algunha sorpresiña máis.
Curiosamente o día que non facemos actividade extra é o propio Día Das Librerías porque vou estar cun personaxe moi coñecido para ver se o convenzo de que veña a BUEU, onde ía ser?

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

2 comentarios sobre “Entrevista Fernando Miranda, da Libraría Miranda de Bueu: “O comercio local é o verdadeiro creador de vida nas vilas”

  1. (P): Desde fai uns anos organizas centos de presentacións e eventos literarios desde os máis pequenos ata os máis grandes. Que fai especial cada un destes actos?

    Hai un tempo que veño observando cada vez máis a subsitución en Internet de ‘haber’ por ‘facer’ para falar de lapsos temporais xa cumpridos. Facer é un castelanismo: ‘hace unos años’. A forma correcta en galego é, e sempre foi, haber.

    Facer en termos temporais en galego é sempre cara adiante, non cara atrás: Mañá é o aniversario de Xoán, fai 20 anos.

    O resto da entrevista, xenial!

    Me gusta

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.